Hemeroteca

Ames acolle a II Gala do deporte feminino galego

Este ano a conmemoración do día da muller estará ligada ao deporte // A programación de actividades comezan ás 17:00 horas cunha exhibición de patinaxe a cargo do alumnado das escolas deportistas

    • 04 mar 2013 / 17:15
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    O Concello de Ames preparou un amplo abano de actividades para conmemorar o Día Internacional da Muller, que se celebra o vindeiro venres 8 de marzo. Este ano a conmemoración do día da muller estará ligada ao deporte. Aproveitando a celebración da II Gala do deporte feminino galego no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro e co fin de procurar a maior implicación posible da cidadanía amiense, os actos desenvolveranse na xornada do sábado 9 de marzo. Para elo, preparouse un completo programa de actividades e exhibicións deportivas que terán lugar durante a tarde do sábado e que rematarán, ás 20:30 horas, coa gala de entrega de premios ás mellores deportistas femininas galegas. Ademais, elaborarase unha declaración institucional con motivo de dita conmemoración.

    Este ano o Concello de Ames centra a conmemoración do Día Internacional da Muller na tarde do sábado, 9 de marzo, cun completo programa de actividades e exhibicións deportivas que se desenvolverán na localidade do Milladoiro. A programación de actividades comezan ás 17:00 horas cunha exhibición de patinaxe a cargo do alumnado das escolas deportistas de Ames. A continuación, ás 18:00 horas, haberá un partido de fútbol sala entre a selección galega e un combinado de Ames. Por último, ás 19:30 horas, realizarase unha exhibición de boxeo.

    Todas estas actividades, que están organizadas polo Concello de Ames en colaboración coa Asociación de Mulleres Deportistas de Galicia (MUDEGA), desenvolveranse no interior do pavillón polideportivo do Milladoiro. Ademais, farase unha recollida de tapóns en favor da asociación Pequenas Ilusións. As persoas que acheguen unha bolsa de tapóns recibirá unha rifa para un sorteo de diferentes agasallos.

    O prato forte do día chegará ás 20:30 horas coa celebración da II Gala do deporte feminino galego. O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acollerá a entrega de premios ás mellores deportistas femininas galegas. Deste xeito, daranse cita en Ames as medallistas olímpicas galegas Tamara Echegoyen, Sofía Toro e Begoña Fernández, que recibirán o galardón de mellores deportistas galegas 2012.

    Mellores deportistas femininas galegas

    Este ano o premio para a mellor deportista da pasada tempada é triplo. Deste xeito, reciben este galardón as tres medallistas galegas olímpicas: as regatistas Tamara Echegoyen e Sofía Toro que lograron o ouro e a xogadora de balonmán Begoña Fernández, cun bronce. Ademais, a nadadora María Vilas (campioa de Europa júnior en 800 metros libres, subcampioa de Europa júnior en 400 estilos e bronce europeo en 1.500 libres) recibirá o premio a mellor deportista promesa.

    O premio ao mellor equipo será para o Natural Sport de Ribeira, de taekwondo, que logrou o subcampionato de Europa de clubs na categoría feminina e tamén se proclamou campión de España. O xurado valorou a traxectoria de Teresa Portela (catro veces olímpica) para outorgarlle o premio á mellor traxectoria; mentres que Dolores Rojas (xuíza de atletismo internacional que participou nos Xogos Olímpicos de Londres) recibirá o premio á mellor árbitra.

    Rogelio Sabio, do club CRAT Universidade da Coruña e da selección galega de rugby, foi elixido mellor adestrador do ano 2012 tras lograr o subcampionato na Liga de División de Honra co seu equipo e o terceiro posto no Campionato de España coa selección galega, mentres que Juan Vázquez, vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, foi elixido como mellor directivo polo seu traballo a prol do fútbol feminino.

    Mecalia, patrocinador do club Atlético Guardés e da traíña Rías Baixas, é a entidade privada máis colaboradora do deporte feminino, mentres que o Concello do Porriño foi elixido como a mellor entidade pública, pola súa aposta polo deporte feminino. O premio para o medio de comunicación amigo correspondeulle a ?La Voz de Galicia? e o galardón para a mellor iniciativa a prol do deporte feminino recaeu no club de caza ?Monteiros Galaicos?, que organizou unha montería exclusivamente feminina e xa levan dous anos con esta iniciativa e unha magnífica resposta.

    No transcurso da gala, MUDEGA tamén realizará unha mención especial para as xogadoras do club Karbo de fútbol da Coruña, que lograron 5 campionatos estatais e foron a base da primeira selección galega feminina, campioa estatal no primeiro campionato estatal de seleccións territoriais.

    Tema marcado como favorito