Hemeroteca

Apoio aos centros comercias abertos da área barbanzana

A Xunta concede máis de 134.000 euros ás asociacións de Noia, Boiro, Rianxo e Ribeira

  • 09 oct 2019 / 21:13
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Catro centros comerciais da comarca do Barbanza repartiranse unhas achegas que superan os 134.000 euros, aprobadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. Concretamente, as asociacións de Noia e Ribeira recibirán 40.000 euros, a de Boiro levará 32.500 € e a de Rianxo 22.240 euros. Así o anunciou onte o delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, durante o encontro que mantivo coa presidenta da patronal noiesa, Yanira Somoza.

Estas axudas teñen como obxectivo reforzar o papel destes colectivos na dinamización do comercio na actividade das vilas e cidades galegas a través de iniciativas que permiten atraer clientela e mellorar os servizos que se ofrecen aos consumidores.

Neste sentido, o representante do Goberno autonómico apuntou que "esta orden de axudas pretende

fomentar un novo modelo comercial intelixente, competitivo e adaptado ás novas necesidades que reclaman os clientes". Por iso esta subvención destínase a proxectos que inclúan iniciativas de dinamización comercial, sistemas de fidelización, sinalización externa ou mellora da competitividade comercial, entre outros.

Como novidade, entre as actuacións apoiadas inclúese a creación de sinerxías e oportunidades dixitais a través do asociacionismo, con axudas para a posta en marcha de solucións dixitais para a venda e promoción de produtos dos comercios asociados e mellora e modernización da imaxe do centro comercial

aberto, a implantación e mellora do portal web do CCA ou márketing dixital. Cada entidade pode obter apoios de ata 40.000 euros, en función do número de comercios asociados e a poboación da localidade na que estean situados.

Pola súa banda, a dirixente de Noia Histórica destacou que "levamos 17 anos recibindo esta axuda que, xunto coa do Concello, é co que sacamos adiante as nosas iniciativas . Con esta subvención impulsaremos definitivamente o market place, unha plataforma de venda online coa que os nosos asociados poderán ofrecer aos seus clientes os produtos dunha maneira directa sen ter que acudir aos negocios, podendo competir con outros que xa contan con este servizo".

Ademais, Yanira Somoza apuntou que será empregada "para levar a cabo as diferentes campañas que xa forman parte da nosa programación anual, como por exemplo a Pink Fashion", comentou.

Tema marcado como favorito