Hemeroteca

Aposta polo potencial económico e turístico do termalismo ourensán

Quince concellos vinculados ao sector constitúen a primeira rede provincial neste ámbito para impulsar un diálogo fluído

  • 29 ago 2019 / 21:14
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Ourense dá un paso máis no seu apoio ao gran potencial económico e turístico do termalismo, constituíndo a primeira Rede Provincial de Concellos Termais, integrada por un total de quince municipios.

Nun acto presidido polo máximo representante da Deputación de Ourense, Manuel Baltar explicou que "cumprindo anticipadamente co contemplado no Plan de mandato Ourense 7273, poñemos en marcha este órgano co obxectivo de manter un diálogo fluído e participativo cos municipios que forman parte desta provincia e que teñen singularidade termal, algúns deles inscritos na Sección de Vilas Termais da FEMP, sendo a provincia de España con maior número de concellos recoñecidos como vilas termais".

Na reunión constitutiva participaron os alcaldes dos quince municipios que integran a rede (Arnoia, Bande, Boborás, Baños de Molgas, Cortegada, Cenlle, Castrelo de Miño, Carballiño, Leiro, Lobios, Monterrei, Muíños Ourense, Ribadavia e Verín); así como a deputada provincial de Termalismo, Ana Villarino; o redactor do Plan Termal Provincial, Mario Crecente, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, quen expuxo as liñas básicas do Proxecto de Lei de Usos Lúdicos das Augas Termais.

"Falamos de cuestións que atinxen á xestión municipal, á promoción e á proxección da imaxe termal da provincia, como pode ser a celebración, os días 19 e 20 de setembro, de Termatalia", engadiu.

Ademais, resaltou que tiveron a oportunidade de escoitar ao conselleiro de Economía, "que nos falou do contido do Proxecto de Lei de Usos Lúdicos dos Espazos Termais, que é o punto primeiro do Plan Ourense a provincia termal" que vimos a desenvolver coa Xunta", e que supón unha regulación pioneira en España e en Europa.

Unha condición de pioneira que, desde o seu punto de vista, e como "presidente da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais, pode marcar un camiño a seguir por outros territorios termais de Europa onde Ourense leva o liderado".

A rede é un órgano que permitirá que desde a deputación se manteña "un contacto directo cos concellos termais, no que se falarán de propostas nese ámbito, que servirá tamén de apoio aos concellos para temas como infraestruturas termais, difusión do turismo termal e, todo iso, con vistas ao 2020, no que se producirá a entrada da Alta Velocidade en Ourense", salientou Baltar.

liderado a nivel estatal

•••A comunidade galega constitúe a maior forza termal a nivel estatal, con 300 captacións de augas mineromedicinais, 21 balnearios (sete deles con distintivo Q de Calidade Turística) e tres centros de talasoterapia. Esta oferta inclúe tres mil prazas hosteleiras con preto de 150.000 usuarios, facturando sesenta millóns anuais e empregando a preto de 1.400 persoas.

•••Este músculo económico trasládase particularmente á provincia de Ourense, con sete balnearios (o 35 % do total estatal), e coa súa capital como a segunda cidade europea con máis reservas­ de augas mineromedicinais, só superada por Budapest.

•••Un liderado no que a rede provincial, segundo Francisco Conde, permitirá afianzar esa alianza para seguir traballando en defensa do termalismo e situar a Galicia e a Ourense como destino único".

Manuel Baltar

pte. da deputación de ourense

"A rede servirá de apoio aos concellos para temas como infraestruturas termais ou difusión do turismo termal"

Francisco Conde

conselleiro de economía

"Permitirá seguir traballando a favor do termalismo e situar a Galicia e a Ourense como un destino único"

Tema marcado como favorito