Hemeroteca

Área recibirá do Plan Único da Deputación preto de 26 millóns

Carballo e Ames serán os municipios máis beneficiados // Os concellos terán ata o vindeiro 19 de decembro para solicitar os proxectos que queren financiar

  • 25 oct 2019 / 21:05
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O pleno da Deputación da Coruña aprobou onte as bases reguladoras do Plan Único do vindeiro ano (POS+2020), que distribuirá inicialmente 47,2 millóns de euros entre os concellos coruñeses. Desta cifra os municipios de Área contarán con 25.924.059 euros. E á comarca de Santiago perténcenlle 11.881.102 €. Ames será o máis beneficiado (1.021.278), seguido de Santa Comba (843.404), Ordes (781.806), Teo (753.483) e Arzúa (701.266).

Pola súa banda, Bergantiños-Costa da Morte recibirá do POS+2020 a cantidade de 8.137.824 euros. Carballo é o que se fará coa cifra máis alta, con 1.300.592 euros, seguido de Vimianzo (729.074), A Laracha (683.169), Coristanco (615.854) e Zas (575.578). E a comarca do Barbanza, Muros e Noia correspóndenlle 5.905.134 €. Ribeira será o municipio que obteña a maior cantidade: 888.334 euros; a Boiro corresponderanlle 736.197; a Mazaricos 644.644, a Porto do Son 550.646 e a Noia 506.487 euros.

Esta achega inicial do Plan Único irá incrementándose, como todos os anos, ao longo do exercicio coa incorporación de remanentes, pero permite aos concellos da provincia ir planificando os seus orzamentos municipais e investimentos de cara ao vindeiro ano, ao contar xa cunha previsión mínima de ingresos por parte da Deputación que poderán destinar, en función das súas necesidades, á execución de obras, ao financiamento de parte do gasto corrente dos seus servizos básicos, ou a sanear as economías municipais amortizando débeda con provedores ou entidades bancarias.

O POS unifica os antigos plans de investimentos da Deputación e once liñas de subvencións nunha única convocatoria anual, permitindo non só unha mellor planificación, senón maior axilidade na tramitación, máis autonomía local para decidir en qué investir os fondos provinciais e total transparencia na asignación de recursos. Como novidade, as bases deste ano permiten que os concellos en situación de risco financeiro poidan destinar para os seus gastos correntes a totalidade dos fondos que perciben, a excepción dos de préstamo. Os concellos teñen ata o 19 de decembro para solicitar á Deputación os proxectos que queren financiar.

{ A OLLADA }

Autonomía local

Un ano máis a Deputación da Coruña aprobou o Plan Único, o que significa que os concellos da provincia xa poden ir xestionando a cantidade que lles pertence para facer fronte ás necesidades máis urxentes. A total liberdade que lles concede aos municipios á hora de destinar as axudas, verase este ano incrementada. E é que o POS+2020 permitirá aos concellos cunha débeda viva superior ao 200 % dos seus ingresos correntes, destinar os gastos á totalidade dos fondos que perciben. Con todo, os beneficios deste plan xa se deixan ver, dado que dende a súa creación diminuiron nun 77 % as peticións para a amortización de débeda municipal.

O PROTAGONISTA

Bernardo Fernández

Portavoz do Goberno provincial "mellora as economías municipais"

Ademais de contribuír a mellorar e renovar as infraestruturas municipais financiando un total de 1.697 obras nos 93 concellos da provincia, o Plan Único "está axudando a mellorar notablemente as economías municipais", indicou. En tres anos, "o plan permitiu aos concellos amortizar 10,78 millóns de débeda cos bancos", dixo Bernardo Fernández.

Tema marcado como favorito