Hemeroteca

Arranca en Ribeira a peza teatral para nenos en clave de igualdade

No marco da campaña 'Nós contra a violencia', Baobab Teatro porá en escea mañá a obra 'Mai Mai' // Aborda a temática para educar ó respecto, fomentando ó tempo o uso do galego // O espectáculo será no auditorio e a entrada é gratis

  • 12 sep 2019 / 22:06
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Nós contra a violencia, a campaña posta en marcha este verán pola Xunta de Galicia, a través das secretarías xerais de Política Lingüística e da Igualdade, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, cos obxectivos de dinamizar a lingua galega e sensibilizar ó respecto, leva a Ribeira mañá sábado a nova proposta, o espectáculo Mai Mai, da man da compañía Baobab Teatro, baixo xestión de Culturactiva.

Así o anunciaron onte o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o alcalde da localidade barbanzá, Manuel Ruiz, nunha rolda de prensa na que o representante da Consellería de Cultura e Turismo quixo destacar que dita proposta "integra a perspectiva de xénero e introduce elementos para a reflexión e para o traballo en prevención da violencia, para ofrecer unha alta calidade escénica e de traballo actoral". Asimesmo, convidou "tanto ás familias da localidade e do Barbanza coma ás do resto de Galicia, a participaren nas funcións da xira que se está a desenvolver polas catro provincias".

A función terá lugar ás sete e media da tarde no auditorio municipal ribeirense e é gratuíta.

Na presentación participaron tamén a actriz Andrea Bayer, responsable do grupo teatral e protagonista do espectáculo, e a segunda tenente de alcalde, Ana Isabel Ruiz Reiriz.

Bayer explicou que se trata dunha peza dirixida a nenos e nenas de máis de cinco anos e ás súas familias e na que, coa delicadeza e tenrura que caracterizan as producións desta compañía, se tratan temas como a igualdade, o apoderamento da muller e a prevención da violencia de xénero, alén doutros como a concienciación ecolóxica. "Empezamos a traballar fai uns anos en base a temáticas que nos perocupan, porque estamos especializados en teatro infantil e entendemos que hai que tratar os sentimentos dende a base", sinalou, engadindo que "os cativos saen das representacións emocionados e preocupados sobre as cuestións de fondo que se lles plantexan".

A mencionada produción chegará tamén este outono a outros sete concellos da Rede de Dinamización Lingüística: Cedeira, Lalín, A Rúa, Ponteareas, Arteixo, Ribadavia e Muros. A vindeira será na localidade ourensán da Rúa o domingo día 15 ás 18.00 horas no centro cultural Avenida.

Toda a información e calendario completo poden consultarse no portal www.lingua.gal e na Axenda de Cultura de Galicia.

Por outra banda, o rexedor ribeirense agradeceu que se elexira o seu municipio como inicio do itinerario e anunciou que o seu goberno recibirá este mesmo mes o proxecto para a construción do novo auditorio (que se fará a carón da Praza do Centenario), cuxas obras sairán a concurso antes de que remate o ano.

areadecompostela@elcorreogallego.es

{ A LETRA PEQUENA }

Concienciar dende cero

ESTÁ MEDRANDO a xeración á que estamos educando para rachar cas prácticas viciadas que herdaron os seus proxenitores por falla precisamente de educación, cultivadas nunha sociedade que antes era máis temerariamente permisiva con certas actitudes. Pero, así como os nenos e nenas de hoxe aprenden a falar sabendo idiomas e se empezan a comunicar dominando as novas tecnoloxías, a vindeira xeración nacerá xa despoxada das referencias nas que anidan a intolerancia, a violencia, o machismo... Por iso convén non baixar a garda e incidir na educación en clave de igualdade dende a infancia, na liña da nova campaña da Xunta.

O PROTAGONISTA

Valentín García

Secretario xeral de Política Lingüística

"dinamizar a lingua e sensibilizar"

Valentín García dixo que o programa Nós contra a violencia ofrece numerosas propostas escénicas e materiais "para traballar en dinamización lingüística e sensibilizar conta a violencia de xénero". Entre elas, inclúese o espectáculo O rueiro das liortas, da compañía do Elefante Elegante, que afonda no papel das mulleres nas relacións de parella e que botará a andar en novembro. Dentro das propostas musicais, figuran A Roda da igualdade: ela e eles, e obradoiros para pais e nais no marco do proxecto Igual-Son, con música, danza e contacontos, guías educativas sobre prevención da violencia de xénero na mocidade e outros materiais educativos centrados nos riscos e potencialidades das redes sociais e un manual práctico de ferramentas educativas para prever a violencia contra as mulleres.

Tema marcado como favorito