Hemeroteca

As tres Universidades mostran a sua preocupación pola alarmante caída do uso do idioma galego

Foi aprobada por unanimidade en cada un dos tres Consellos de Departamento

    • 11 may 2015 / 13:12
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    Os departamentos de galego das tres universidades do Sistema Universitario Galego (Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo) acordaron facer pública unha declaración conxunta expresando a súa “fonda preocupación pola situación que atravesa actualmente a lingua galega e polo seu futuro”, que consideran “seriamente ameazado”. No documento defenden a lingua propia como “patrimonio de todos os galegos e galegas e reclaman dos poderes públicos unha aposta decidida pola normalización lingüística, emendando a actual liña de actuación política nesta materia, e o cumprimento das súas obrigas legais de defensa e promoción do galego”. A declaración foi aprobada por unanimidade nos Consellos dos tres departamentos e está asinada polos seus directores: Francisco Cidrás, do departamento de Filoloxía Galega da USC; Manuel Ferreiro, do departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística da UdC, e Burghard Baltrusch, do departamento de Filoloxía Galega e Latina da UVigo.

    "Declaración conxunta dos Departamentos de

    Galego-Portugués, Francés e Lingüística (Universidade da Coruña), Filoloxía Galega (Universidade de Santiago de Compostela) e

    Filoloxía Galega e Latina (Universidade de Vigo)

    Os Departamentos de Galego-Portugués, Francés e Lingüística (Universidade da Coruña), Filoloxía Galega (Universidade de Santiago de Compostela) e Filoloxía Galega e Latina (Universidade de Vigo) son as principais institucións universitarias con responsabilidade docente e investigadora no ámbito estratéxico dos estudos galegos no país. Somos, desde hai case medio século, as entidades encargadas da formación de sectores imprescindíbeis nunha sociedade galega democrática: o persoal investigador en estudos galegos; o profesorado de Lingua e Literatura Galegas nos seus diferentes niveis educativos; moitas mulleres e homes que traballan na industria cultural e nos medios de comunicación en galego; moitas creadoras e creadores que hoxe son de recoñecido prestixio; intelectuais, axentes culturais e persoal laboral que sustentan xa e terán que sustentar no futuro non só as grandes e pequenas institucións culturais mais tamén as empresas relacionadas. É da nosa responsabilidade velarmos por que as futuras xeracións de tituladas e titulados, amplamente formadas, poidan continuar a ofrecer a súa contribución ao futuro da sociedade galega nun contexto globalizado, onde quen amosar unha condición ben articulada entre o global e o local vai dispor dunha estratéxica posición de vantaxe de incalculábel valor.

    Por iso mesmo, tendo en conta os diferentes datos estatísticos recentemente publicados sobre o uso e transmisión da lingua galega e o panorama social e político do país no último lustro, vémonos na obriga de mostrar a nosa profunda preocupación pola situación actual e polo futuro da lingua e da cultura galegas. Confirmouse, por exemplo, que o nivel de uso efectivo da lingua propia do país retrocedeu de forma alarmante nas xeracións máis novas, o que implica que a lingua galega está en perigo de se converter nunha lingua estranxeira na súa propia patria. A isto acrecéntase a preocupante redución de persoal e a drástica e alarmante diminución de investimentos en todos os ámbitos relacionados coa promoción do uso e normalización da lingua galega, así como coa industria cultural a ela vinculada, por non falarmos do recuamento da lingua galega na administración pública (incluíndo as propias universidades) e no sector privado.

    Estas e outras circunstancias ameazantes para a lingua e cultura propias do país derivan, ao noso ver, en primeiro lugar e en grande parte, da falta de desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado polo Parlamento de Galicia en 2004 por unanimidade e, en segundo lugar e de forma subseguinte, dos efectos contraproducentes do Decreto denominado (aínda que de forma academicamente incorrecta) ‘de plurilingüismo’, do ano 2010.

    A sociedade galega actual, querendo preservar a súa identidade histórica e proxectarse asemade no futuro, forzosamente terá que se transformar en sociedade de información competitiva nun contexto globalizado sen deixar de coidar e desenvolver os seus trazos inherentes. O primeiro deles é a súa lingua propia, que é patrimonio e debera ser orgullo de todas as galegas e galegos sen excepción e que, ao tempo que nos singulariza cunha identidade milenaria, nos permite acceder facilmente a un universo de 276 millóns de falantes en 27 países e á quinta parte de toda a internet.

    A lingua galega ábrenos ao mundo, sitúanos nun contexto global de oportunidades e constitúe un valor económico duradeiro e de extraordinaria relevancia. Mais, para podermos tirar proveito desas vantaxes e seguir sendo donos da nosa identidade, os poderes políticos teñen que actuar con afouteza e apostar decididamente pola normalización lingüística, emendando todo o que for preciso a liña de actuación política nesta materia e cumprindo as súas obrigas legais."

    Tema marcado como favorito