Hemeroteca
Máis de 5.000 persoas visitárona en Fonseca

O Ateneo pechou a exposición do Forte de San Cristóbal cun debate sobre a memoria histórica

  • 03 mar 2015 / 13:45
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O Ateneo de Santiago clausurou onte no pazo de Fonseca a exposición 'Que aflore o soterrado', celebrada en colaboración coa Universidade de Santiago, sobre a prisión franquista do Forte de San Cristóbal, na que morreron 96 dos 608 presos galegos alí condenados. Ao longo de tres semanas, máis de cinco mil persoas procedentes de toda Galicia visitaron a mostra, integrada por 36 paneis informativos, co apoio visual de varias instalacións e a proxección de documentais sobre a historia do penal navarro. Entre os visitantes acudiron máis dun cento de familiares directos de represaliados que puideron efectuar visitas guiadas pola mostra. Un denso libro de firmas e ducias de caraveis daban onte conta do paso de numerosas persoas que deixaron as súas testemuñas.

Como acto final de peche, dentro dos “Luns do ateneo”, tivo lugar unha mesa redonda, coordinada polo catedrático da Facultade de Historia, Lorenzo Fernández Prieto, na que participaron Eliseo Fernández, documentalista e especialista no movemento libertario en Galicia; Andrés Domínguez e Xosé Míguez, doutores en Historia Contemporánea; Xosé Novas, membro da Asociación “Xohan Carballeira” de Bueu; e Xosé Ramón Pousa, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación.

Os conferenciantes puxeron de relevo a importancia de desvelar e coñecer os procesos máis escuros do pasado para que non se volvan producir acontecementos como os vividos na prisión de San Cristóbal, considerada polos poñentes como un “auténtico campo de exterminio”. Pousa analizou, como un caso paradigmático dos outros centos de xuízos semellantes, o proceso 933/1936 que supuxo a condena a morte do alcalde de Ribadavia e de tres compañeiros da corporación republicana, así como a cadea perpetua doutras 21 persoas que acabaron no Forte de San Cristóbal. Xosé Novas, de Bueu, fixo referencia aos acontecementos da vila pontevedresa que acabaron coa execución do alcalde e vinte veciños, así como decenas de presos recluídos en San Cristóbal, moitos dos cales perderon a vida na fuga do penal, acontecida o 22 de maio de 1938.

As condicións de vida no Forte foron contextualizadas con numerosos datos por Eliseo Fernández e Antonio Míguez que analizaron a política represiva do franquismo durante a guerra e na posguerra. O profesor de Didáctica, da escola de EXB de Lugo, Andrés Domínguez, valorou a importancia de que monumentos como o Forte de San Cristóbal poidan ser utilizados como elementos didácticos da memoria. Finalmente, Lorenzo Fernández Prieto, director do grupo de investigación Histagra, efectuou unha reflexión crítica sobre a política de esquecemento que en nada contribúe a superar determinados acontecementos, valorando expresamente o papel da sociedade civil. O acto concluíu cun animado coloquio.

Tema marcado como favorito