Hemeroteca

Atesoura xa corenta mil estampas o Museo do Gravado de Ribeira

Abriu as portas en 2001 na aldea de Artes e consolidouse como un referente internacional // Presta fondos a varios países e conta cunha Biblioteca Ilustrada

  • 03 nov 2019 / 21:11
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

En xullo de 2001 abría as súas portas nunha pequena aldea de Ribeira (na parroquia de Artes) o Museo do Gravado, o mellor de España das súas características, froito do empeño do seu propietario, o coleccionista e mecenas Javier Expósito Paradela, quen fixo unha decidida aposta por ubicar este importante proxecto cultural nun entorno rural.

Contaba xa daquela con algo máis de 3.000 estampas, que foron catalogadas no volume I do Cátalogo Museo del Grabado, obra de Jesús María González de Zárate. Nel recóllense dende gravados antigos das escolas europeas (alemá, española, flamenca, francesa, inglesa, italiana e dos Países Baixos) ata contemporáneos e facsímiles. Na actualidade atesoura unhas 40.000, se se inclúen as ilustracións orixinais dos distintos exemplares da Biblioteca Ilustrada do centro.

Dous dos factores que marcaron o crecemento da institución ao longo destes anos foron o aumento dos fondos antigos, contemporáneos e facsímiles que o seu fundador fixo posible, e a creación da Biblioteca Ilustrada, con máis de 2.000 volumes que datan dende o século XVI, en 28 idiomas diferentes, e a súa catalogación, xunto co fondo de gravado galego, que fan que estean accesibles aos estudosos da arte e ao público en xeral.

E, sen dúbida, o que fixo posible a internacionalización do centro museístico foron os convenios con outras entidades galegas, nacionais e internacionais (universidades, museos, entidades culturais...) polos que se realizaron préstamos de coleccións a, por exemplo, as universidades de Santiago, Cantabria e Salamanca e a institucións de países como México, Costa Rica, Nova Iork, Xapón ou Portugal.

Pero, se hai algo que lle otorgou visibilidade ao museo fóra das nosas fronteiras foi o Premio Internacional Atlante de Gravado, que leva xa dez edicións e no que participaron máis de 5.000 artistas internacionais (dende Australia ata a Patagonia).

A creación dun obradoiro nas instalacións foi tamén un factor esencial para promover a aprendizaxe e a difusión de dita disciplina artística, ofrecendo a posibilidade de aprender as súas técnicas co resultado de exposicións a nivel nacional e internacional que fan visible dentro e fóra de Galicia o traballo realizado polos artistas participantes.

Por outra banda, a mellora das instalacións (coa renovación das tres salas de exposicións e a de xuntas-biblioteca), incluíndo a súa climatización, fixo posible crear un entorno máis confortable para os visitantes.

En canto ós proxectos previstos para o aumento ou mellora do complexo, figuran a renovación das luminarias no marco dun plan de eficiencia enerxética, sustituíndo as analóxicas por lámpadas Led; a adaptación da accesibilidade aos baños para persoas con mobilidade reducida, xa en marcha; e a creación, o vindeiro ano, dunha sala permanente coas figuras do gravado máis destacadas de todos os tempos, para dar visibilidade ós grandes artistas de todas as épocas, como Goya, Durero, Rembrant, Doré, Dalí, Piranesi ou Seoane.

No que vai de ano recibíronse máis de 6.000 visitas, moitas delas de xente de fóra da comarca, e aumentaron as de escolares (no último mes, máis de douscentos alumnos de centros de ensino de Padrón e de Ribeira).

Dende o pasado mes de xaneiro, o Concello ribeirense xestiona os fondos en virtude dun acordo.

O PROTAGONISTA

Pastor Rodríguez

Director do Museo do Gravado

Cesións de coleccións de Guayasamín

"Neste momento o Museo do Gravado ten fondos expostos en A Guarda (Portugal) e Lugo. Nesta última cidade, con Afundación, amosa as dúas series de Guayasamín (Emocións e De Orbe Novo Decades), unha mostra titulada Oswaldo Guayasamín. 1919-1999. Dúas series. Dous aniversarios, que conmemora o centenario do nacemento do pintor e, ao mesmo tempo, o aniversario do seu falecemento. Esta, depois de percorrer as cidades de Santiago e Lugo, irá a Ferrol e, posiblemente á embaixada de Ecuador en Madrid, así como a Sevilla", sinala o director do museo, Pastor Rodríguez.

Tema marcado como favorito