Hemeroteca
agora xa foi

Aurelio Aguirre Galarraga

    • 07 jun 2014 / 21:13
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    Santiagués. Da rúa do Vilar, número catro. Onde naceu o ano en que morreu Fernando VII, 1833, o da morte do rei máis cabuxo da Historia de España, esa que segundo Gil de Biedma é a máis triste de todas as historias porque remata mal. Aurelio Aguirre, un Espronceda, dígase xa, como visto cuns prismáticos postos do revés, finou na praia do Orzán, en xullo de 1858, o ano da boda de Rosalía e Murgúia. Morreu non por inmersión, o que abonaría a teoría dun suicidio, senón por impacto contra das rochas do fondo ao se mergullar. Mais aí queda levedando sobre Aurelio a lenda desa morte presuntamente escollida como paira riba del o idilio (que non foi) con Rosalía. Tépeda cantora de Aguirre na súa coroa fúnebre, como el fora cantor da autora de Cantares gallegos en versos tamén de compromiso. ¡Co fermoso que tería sido que tal cousa tivese acaecido! Mais Aguirre Galarraga non pasou, como sabemos, de amores mercearios (cun intento filantrópico de redimir unha putiña). E, sobre todo, namorou a esa Felisa Taboada, a súa noiva á hora da morte, tan desconsolada como cabería agardar de quen botaba os días coruñeses do verán do 58, á beira do cabaleiro aquel dos ollos azuis. Soterrado primeiro en Bonaval, logo en Boisaca, coa lápida gardada hoxe no Museu do Pobo Galego. Aprendo todas estas cousas no brillante prólogo de Xurxo Martínez González a Recordos de agosto. Obra poética, 1850-1858 (Alvarellos Editora, 2013). Libro que ven igualmente precedido duna sabedora introducción de Olivia Rodríguez González para abrir o apetito diante do que ven despois. Un banquete, cal o mítico de Conxo, 1856, con Aguirre de comensal, a piques de ser convidado a unha viaxe, e non de pracer, ás Illas Marianas. Unha festa chea de poesía romantíquisima, e xa que logo esaxerada, que se non dá o punto esproncediano, ao cabo un poeta de primeira fila Don José, si que fala dun autor notable. Que controlaba a polimetría e que na temática pulsaba cordas diversas. A erótica, a dramática, a costumista, a festiva (¡boísimas as "Décimas disparatadas"!) facebdo un percorrido irregular, e xa que logo, moi ameno. Chamativo este Aguirre que pide a berros lugar no rueiro de Santiago. Poisque foi santiagués. E non dos peores.

    Tema marcado como favorito