Hemeroteca

Baile e música tradicional o día 11 na Foliada de Bama

Os Viqueiras de Ordes e Os da Porfía son os grupos máis agardados este ano // Haberá sorteos, agasallos e photocall

  • 07 may 2019 / 20:40
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Por terceiro ano consecutivo a Asociación A Pinguela organiza a Foliada de Bama, que terá lugar o próximo sábado, día 11, no campo da Festa desta parroquia de Touro. O presidente, José Manuel Caneda, explicou que levan semanas "traballando para que o evento sexa un éxito" e informou de que a programación está xa pechada. Ademais desta vez agardan máis afluencia de público xa que "traemos dous grupos moi coñecidos como son Os Viqueiras de Ordes e Os da Porfía", explicou José Manuel. "Estamos montando unha carpa xa máis grande para albergar a todos os asistentes".

As actividades darán comezo ás 19.30 horas coa actuación de Cé Orquestra Pantasma e máis tarde, ás 20.30, impartirase un obradoiro de baile da man de Gustavo Couto. "Para anotarse non fai falla inscribirse previamente, xa que está aberto a todos e non hai límite de prazas", explicou o presidente da asociación A Pinguela.

"Tras isto actuarán as agrupacións de música e baile da nosa asociación e tamén outras dos concellos veciños como Boqueixón, Santiago e Teo", indicou José Manuel. Concretamente serán Lembranzas do Tambre, Faiscas da Mamoa e Argalleiros. Despois será o turno dos cabeza de cartel deste ano: Os Viqueiras de Ordes e Os da Porfía.

Pero non todo é música e baile, senón que durante toda a xornada haberá sorteos e agasallos para os asistentes e "colocoremos un photocall que agardamos que teña moito éxito" e que levan xa días elaborando. Haberá tamén unha cantina na que se van servir bocadillos e bebidas a prezos populares.

A PINGUELA A asociación que organiza a Foliada nacía hai tres anos a partir de varios músicos que levaba xa anos ofrecendo actuacións por libre. Os precursores foron Anxo Tato, Patricia Romeseiro, Andrea Pena e Dani Pazo. Atópanse ubicados no local social de Bama e constan de 54 socios e cada vez máis cativos e maiores que acuden ás clases, en concreto, actualmente hai anotados 20 nenos e 20 adultos. "Impartimos clases de pandeireta, baile tradicional, gaita, acordeón, tambos e canto", apuntou o seu presidente. "O noso obxectivo é fomentar a aprendizaxe a da música e o baile tradicional de Galicia entre os máis novos do municipio e o certo é que cada vez son máis os cativos que acuden e tamén son notables os progresos", sentenciou.

ACTUACIÓNS

OS VIQUEIRAS DE ORDES é un dos grupos máis agardados. Trátase duha banda de música folk formada por Manuel Viqueira (gaita), Serxo Núñez (gaita y clarinete), Alberte Núñez (acordeón), Beni Flecha y José Antonio Vázquez (percusión). O outro é Os da Porfía, agrupación de sete pandereteiros e tres músicos cunha paixón en común: a música e o baile tradicional.

Tema marcado como favorito