Hemeroteca

Boqueixón segue a dinamizar coas Feiras Activas os mercados locais

    • 10 oct 2019 / 21:12
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    O Concello de Boqueixón segue a desenvolver o seu programa Feiras Activas. Trátase dunha iniciativa posta en marcha polos departamentos de Cultura e Turismo do municipio que pretende incentivar e potenciar os mercados de Lestedo (que teñen lugar o primeiro e terceiro domingo de cada mes) e de Rodiño (que se celebra o segundo). Para isto estanse a organizar distintas actividades dirixidas a toda a familia.

    A próxima cita será o 20 de outubro en Lestedo. O grupo Luz do Ilicino, pertencente á Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio, será o encargado de amenizar a mañá cunha actuación musical que dará comezo ás 12.30 horas. As actividades continuarán durante o mes de novembro. Así o día 3 celebrarase, tamén en Lestedo, unha Feira do Magosto, que se combinará co espectáculo dirixido a público familiar Xogos Paporrubio, que se desenvolverá ás 12.30 horas.

    A seguinte iniciativa será na carballeira de Rodiño o domingo 10 de novembro. Neste caso están previstas unhas xornadas micolóxicas, que estarán acompañadas da actuación de Fredi&Cía. Porán en escena, a partir das 12.30 horas, o seu espectáculo Circanelo, destinado a un público familiar.


    ORIXE O programa arrancou o pasado 11 de agosto na carballeira de Rodiño, e coincidindo coa Feira da Xudía. Continuaba en setembro (os días 1 e 8) e este mes tiña lugar tamén outra actividade (a parte da que se fará o día 20) o pasado domingo 6. A xornada de mercado dinamizábase coa actuación de circo de rúa de Kote Malabar. Un espectáculo que estivo orientado a todas as idades e ao que se asistiu de balde. Dende o Concello animan á veciñanza e visitantes a participar nas distintas propostas.

    Tema marcado como favorito