Hemeroteca
Vila de Cruces

O carballo sarcófago

Atópase na Área recreativa de Gres, chamada así porque a foi creando sen a axuda de ninguén a parroquia de Santiago de Gres (Vila de Cruces, Pontevedra), cos cartos sobrantes da festa anual do San Ramón, a súa máis nomeada

  • 04 nov 2010 / 14:05
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Na miña busca de grandes carballos de Galicia, dei hai pouco tempo con un que é singular. Atópase na Área recreativa de Gres, chamada así porque a foi creando sen a axuda de ninguén a parroquia de Santiago de Gres (Vila de Cruces, Pontevedra), cos cartos sobrantes da festa anual do San Ramón, a súa máis nomeada. Este espazo recreativo ocupa actualmente varias insuas do río Ulla, situadas xuntas mesmo antes de chegar este á vella ponte Ledesma, moi ben conservada e agora cerrada ó tráfico, construída entre os séculos XVI e XVII.

Nun mapa das insuas que hai nunha delas (a de San Ramón), figuran sete. Pero só cinco teñen nome: de San Ramón, dos Namorados, da Praia, de Pachín e das Palletas. As dúas sen nome son pequenas e baixas, e as máis próximas á ponte. Todas son alongadas na dirección da auga, e tres as máis grandes: a de San Ramón, a dos Namorados e a da Praia. Estas miden de longo e de anchura máxima, de maneira aproximada e respectivamente, os seguintes metros: 180 por 55, 150 por 60 e 190 por 30. Das tres, as de máis altor sobre o río son a de San Ramón e a dos Namorados, que teñen partes que chegan ós cinco metros. E como alí o río circula por entre as insuas dividido en varias e amplas canles, semellando un delta interior, non medra o suficiente para tapar (como din en Gres) a insuas máis altas.

As Insuas (chamadas así polo pobo antes de seren área recreativa, e aínda agora, e que en tempos pasados foron de propiedade privada) colonizáronas os de Gres, e comezaron a facelo pola de San Ramón por tres motivos: ser esta a máis próxima ó lado esquerdo do río, no que está a dita parroquia; chegar a punta de baixo da insua a diante da capela do santo, inmediata ó río (igual cá casa do cura, que está arrimada por un lado ó templo e polo outro á ponte vella); e non ter os de Gres campo da festa no que celebrar a do San Ramón. Desde os anos cincuenta do século pasado celébrana nesta insua os días 30 e 31 de agosto.

Actualmente, a insua de San Ramón ten a entrada desde Gres por unha ponte de cemento duns 35 metros de lonxitude. Antes pasábase a ela por unha de paus colocados sobre pedras amoreadas de calquera maneira no río. E os festeiros que metían viño de máis no corpo caían dela embaixo. Esta insua está conectada coa dos Namorados e a da Praia por dúas pontes, tamén de cemento e de igual lonxitude cá da entrada a ela. E está cuberta, coma a dos Namorados, de grandes e vellos carballos. Entre as dúas teñen máis dun cento. Desde a insua de San Ramón tamén se vai á de Pachín por uns pasos de granito tallados todos igual. E non vimos pasos (sinalados no citado mapa) desde a dos Namorados á das Palletas, que é a que está máis arriba no río e a única sen colonizar das cinco con nome.

Volvendo á insua de San Ramón, pode dicirse que esta é un lugar sagrado para os de Gres, no que teñen posto o seu corazón. Nela está o palco da música. Nela celebran os desta parroquia todos os seus actos ó aire libre. E nela, na súa punta de baixo, está chantado un monólito ó gran escritor gresense Xosé Neira Vilas, co seguinte texto: "DESTA TERRA / Auga, pedra, sol e vento, / aquí a ledicia é tanta / que todo rebule e canta / e o Ulla vaise contento. / Teño nesta terra asento / e un sentimento profundo, / un amor vivo e rotundo / polo val onde nacín, / levo a Gres dentro de min, / son deste anaco do mundo. / Xosé Neira Vilas / Homenaxe a Xoxé Neira Vilas / O escritor na súa terra / Asociación de escritores en lingua galega/ (AELG) / Gres. Vila de Cruces / 18 de setembro de 1999".

Tamén está nela, na súa punta de riba, o carballo sarcófago. E a quince metros del (aínda máis na punta da insua) hai un monólito en homenaxe a Adolfo de Roque, un gresense moi querido polos veciños, con este texto: "Recordamos a / Adolfo Villar Donato, / home / de moitos oficios, / home de ben, / amante da natureza, / coidador / voluntario / destas insuas, / veciño exemplar. / Gres, marzo de 2004". O que non se di no monólito é que este se puxo onde está por ser tamén un monumento funerario (ten sempre un ramo ó seu pé). Porque Adolfo, ó morrer, quixo ser incinerado e que as súas cinzas fosen depositadas na concavidade que ten na cima do pé o citado carballo, o máis vello e impresionante destas insuas. O seu tronco mide 2,10 metros de alto, e 4,23 de perímetro a 1,5 do chan. E 6 metros na base dos polóns, onde ten a concavidade.

Para saber da vida e traballos de Adolfo de Roque, falei varias veces cos veciños de Gres, vellos e novos, incluso co seu sobriño Locho, agora xubilado. E a información que xuntei sobre este "veciño exemplar" ofrézoa aquí seleccionada. Adolfo viviu e morreu solteiro. Viviu na súa casa cunha irmá á que lle axudou a criar os cinco fillos que tiña, tres homes e dúas mulleres, porque a abandonara o home, que marchou para o Brasil e non mirou máis por ela nin polos fillos. Fixo a mili antes do 36, na que aprendeu a conducir cun camión. Mobilizouno para a Guerra Civil o bando nacional, da que veu tuberculoso antes de que rematase. E foise curando como puido, atendido polo médico Reimóndez, que despois sería alcalde da Estrada.

"Home de moitos oficios", montou un taller de bicicletas nun local mesmo á entrada da ponte vella (e que aínda existe), e co tempo adaptouno tamén para motos. Despois fixo unha casa e deixoulle o taller ó seu citado sobriño Locho, e el montou un de coches no baixo dela, porque era moi habelencioso. Compaxinaba o traballo de mecánico co de taxista. Neste oficio andou cun Seat 600, e despois cun 124 de gasóleo da mesma marca. Levaba con eles os emigrantes a Vigo, e traía os que volvían. Tamén andou coa esporta das ferramentas ó lombo, traballando de carpinteiro polas casas.

Foi moitos anos encargado da festa do San Ramón. Andou ano tras ano co saco ó lombo polas portas recollendo trigo, centeo, millo e as cotas en cartos para a facer. Tamén ía contratar a música e buscar as bombas para a festa. E estando xa xubilado, coidou durante moitos anos as insuas de maneira altruísta. Tíñaas sempre limpiñas, e vixiaba que os malfeitores non fixesen estragos nelas. A área recreativa que el coidou con tanto amor e esmero é a máis fermosa de todas as que coñezo do río Ulla, no que hai moitas outras dignas de ver. A das insuas recórdame o Paraíso terreal, descrito na Biblia, no libro da Xénese.

Non era amigo de ir á taberna. E como andaba moito el só polas insuas e por onda ó río porque era gran pescador, algún tíñao por solitario. Pero era faladeiro, amable e servicial, e tiña un gran sentido do humor. De corpo era máis ben alto, e sempre se conservou delgado. Faleceu en 2004, abeirando ós 90 anos, por consecuencia dun accidente que tivo un mes antes un día pola mañá no alto de Carbia, cando ía conducindo o seu coche cara a Vila de Cruces, ó chocar cegado polo sol contra un muro do outro lado da estrada. Por desexo del, a familia foino incinerar a Vigo, e depositoulle as cinzas no dito carballo sarcófago, nun acto relixioso oficiado polo cura encargado da parroquia ó que asistiron os veciños.

Gres é unha parroquia pequena, pero grande polo amor que lle teñen os seus fillos, dos que son exemplo dous que morreron hai pouco e un que aínda vive: Adolfo de Roque, Perfecto Lodeiro López e Xosé Neira Vilas. Do primeiro xa vimos que foi un home identificado co seu pobo e coa natureza, identificación na que consiste o verdadeiro ecoloxismo. Do segundo, sabemos que foi un cura xeneroso e alegre, que despois de estar moitos anos en parroquias grandes como Santa María de Rubín (A Estrada) e Santo André de Xeve (Pontevedra), quixo rematar a súa vida pastoral na pequena parroquia onde nacera, da que foi polo de agora o último párroco, e á que lle doou un artístico cruceiro que lle custou cinco millóns de pesetas, colocado en Gres na entrada da ponte nova, que está a uns cen metros abaixo da vella. E do terceiro, xa citamos o seu poema de amor a Gres do monólito da insua de San Ramón. Pero a ademais, a Fundación Neira Vilas que este escritor ten na súa parroquia beneficia a esta e dálle sona. E é un faro sempre aceso de cultura e galeguismo para ela e as do seu arredor. Oxalá en todas as parroquias de Galicia xurdisen moitos coma eles, para que a nosa terra vaia arriba.

Tema marcado como favorito