Hemeroteca

Centos de noieses celebran o Día do Medio Ambiente

A alameda acolleu un circuíto de educación viaria // O Concello repartiu embudos feitos con envases reciclados para facilitar o baleirado do aceite usado

  • 09 jun 2019 / 21:27
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Centos de veciños, sobre todo os máis novos, participaron o sábado nas actividades organizadas polo Concello de Noia para conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente. Entre as once da mañá e as dúas da tarde, a alameda noiesa acolleu un inchable de multiactividades deportivas para os máis pequenos, así como un obradoiro de reciclaxe no que os rapaces aprenderon a importancia de consumir produtos alternativos ao plástico así como diversos modos de reciclar os envases dese material que teñen nas casas.

Paralelamente, no centro da alameda instalouse un circuíto de educación viaria na que os nenos e nenas, equipados co seu chaleco reflectante e a bordo das súas bicicletas e mesmo algún que outro patinete, aprenderon as nocións básicas de circulación en rotondas e o significado dos sinais verticais de Stop e Ceda o Paso, así como dos horizontais (pasos de peóns e obrigatoriedade de xiro). Os pequenos levaron o chaleco para as súas casas, cunha lenda na parte traseira que lembraba a necesidade de deixar cando menos 1,5 metros de distancia co ciclista á hora de adiantar.

Así mesmo, para os adultos había instalado un posto no que, ademais de explicarlle á xente os beneficios de non fumar e conciencialos de que non poden tirar as cabichas en calquera lugar, tamén tivo lugar unha exitosa campaña de sensibilización cidadá para a recollida de aceite de cociña usado.

A concelleira de Medio Ambiente en funcións, Ángela Neri, explicou que "tirar o aceite usado polos fregadeiros ou inodoros supón un risco de atasco nas tuberías, aumenta os costes da depuración de augas e, sobre todo, contamina as augas da nosa ría, pois forma unha película superficial que afecta a todo o ecosistema mariño. Por cada litro de aceite que reciclamos estamos evitando contaminar un milleiro de litros de auga".

E para facilitar esa reciclaxe, durante toda a mañá se estiveron agasallando aos veciños de Noia con centos de embudos, feitos con envases de botellas reciclados, que facilitan o baleirado do aceite nas botellas.

Ángela Neri estivo acompañada polo alcalde en funcións de Noia, Santiago Freire, así como polos concelleiros electos Martín Fernández Godón, Juan Ramón González e Laura Salgado.

Tema marcado como favorito