Hemeroteca

Comuneiros de Rianxo van reclamar polo lume forestal

Arquivada a causa pola vía penal, queren pedir unha compensación a Naturgy e a Elecnor // Din ter documentada a orixe do incendio en base á avería nunha torre de alta tensión

  • 24 jul 2019 / 20:57
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Despois de que o Xulgado de Instrucción Número 1 de Padrón arquivase a actuación aberta de oficio polo incendio forestal que arrasou 1.162 hectáreas en Rianxo os pasados días 25 e 26 de marzo ao non apreciar intencionalidade nin delito penal, sete comunidades de montes deste municipio veñen de unirse na Plataforma pola Defensa do Monte e van abrir unha nova fronte cunha demanda por responsabilidade civil.

Van reclamar unha indemnización ás empresas Naturgy e Elecnor, ás que consideran responsables do lume en base á "extensa documentación" que vincula a súa orixe a unha "avería" nunha torre de alta tensión. O presidente da plataforma, Rafael Saco, compareceu onte ca vicepresidenta da comunidade de Asados, Manuela Alcalde, e co vogal da de Leiro, Javier Rey, que se integraron na mesma xunto cas de Araño, Burés, Ourille, Fieitoso e Paradela e a Asociación Fousas ao Monte.

Todas agrupan a máis de mil comuneiros cunhas dúas mil hectáreas. "Temos amplamente acreditado que o lume, que levou por diante anos de traballo das comunidades, tivo a súa orixe nunha avería nunha torre, arredor da cal había acumulada maleza seca dunha limpeza", sinalou Saco. Por iso, reclamarán a Naturgy e á súa mercantil de distribución e mantemento das liñas (Elecnor).

Actualmente están facendo unha peritaxe dos danos para cuantificar a compensación económica a pedir. "Non dudamos de que a haberá, pero agardamos que sexa xusta", engadiu. Dado que tamén se poden adherir afectados a título particular, celebraranse r­eunións informativas polas parroquias proximamente. Por outra banda, o colectivo plantéxase facer un plan de ordenación supracomunal do monte.

E, o vindeiro 17 de agosto, farán unha xornada de traballos en Leiro para combater a proliferación de eucaliptos tras os lumes.

Tema marcado como favorito