O CONCELLO CONTARÁ NO ANO 2020 CUN ORZAMENTO DE 5.631.089 EUROS, QUE DESTINA 1,5 MILLÓNS A INVESTIMENTOS
O presuposto reserva 672.000 euros para Servizos Sociais, 431.600 para Educación, 423.000 para Cultura e 358.000 para fomento do emprego // O goberno reclamou aos concelleiros socialistas que denunciaron as Comisións de Coordinación que reembolsen ao Concello os cartos dos gastos xudiciais
O Pleno aprobou onte incialmente, só cos votos favorables do grupo de goberno, os orzamentos municipais para o exercicio 2020, que ascenden a 5.631.089 euros, o que representa un incremento dun 33% con respecto aos deste ano 2019.
O concelleiro de Facenda, José Ángel Souto, indicou que estes presupostos queren seguir mellorando o benestar dos veciños de Valga. O anexo de investimentos ascende a 15 millóns, con partidas como 230.000 euros para proxectos de aforro enerxético, 175.000 para mellora de instalacións deportivas, 250.000 para obras e melloras en instalacións municipais coma o Edificio Administrativo, o Auditorio e a Casa Consistorial. Tamén se prevé investir 120.000 euros en abastecemento de augas e 50.000 en actuacións de carácter patrimonial.
O presuposto destina 672.000 euros a Servizos Sociais e Igualdade, o que representa unha media de 112 euros por habitante. Desta cantidade total, 300.000 euros resérvanse para o servizo de axuda a domicilio, costearase o funcionamento do CODI con 135.000 euros aportados pola Xunta de Galicia, destínanse 61.000 euros ao Centro de Información á Muller (CIM) e tamén se financiarán as actividade do Plan de Prevención das Drogodependencias.
Ao fomento do emprego o Concello destinará en 2020 un total de 358.000 euros. Algunhas das medidas que se contemplan son as subvencións á contratación de parados do municipio e a contratación de bolseiros. O concelleiro Souto destacou que nos últimos catro anos, entre outubro de 2015 e outubro de 2019, o número de parados en Valga baixou de 554 a 336.
O apartado de Cultura conta con partidas por valor de 423.000 euros e o de Educación, 431.600. O concelleiro delegado de Facenda destacou, nestes ámbitos, os 160.000 euros para a xestión da Escola de Música, melloras nos equipamentos do Centro de Interpretación da Caña, no Museo e noutros recintos culturais, 198.000 euros para a Escola Infantil Municipal, 50.000 para financiar as actividades de conciliación e reforzo educativo e 33.000 para as axudas para transporte e adquisición de material escolar.
Estes orzamentos contan co informe favorable do departamento de Intervención, que destaca que se cumpre co obxectivo de estabilidade presupostaria, non se contempla endebedamento financieiro e cúmprese co nivel de débeda.
Elección de xuíz de paz
No Pleno ordinario de onte tamén se procedeu ao nomeamento de Araceli Gómez Sánchez como xuíza de paz titular e Mari Cruz Eiras Isorna como suplente, un punto no que o grupo de goberno votou a favor, o grupo socialista en contra e En Marea abstívose. Tamén se aceptaron por unanimidade as cesións ao Concello dunha serie de documentos relativos á Casa da Palma para a súa exposición no Museo e dun terreo denominado Eira de Arriba nos Martores.
Por último, foi aprobada a solicitude de reintegro de gastos xudiciais realizada polos concelleiros do goberno municipal denunciados no seu día pola oposición polas Comisións de Coordinación, tendo en conta que os xulgados arquivaron definitivamente a citada denuncia. Tamén en relación con esta cuestión, foi aprobada cos votos a favor do grupo de goberno, en contra do PSOE e abstención de En Marea unha moción solicitando que sexan os concelleiros socialistas denunciantes os que reembolsen estas cantidades ás arcas municipais. O Concello non ten por que asumir estes gastos. Denunciaron e seguiron presentado recursos a sabendas de que todo estaba dentro da legalidade, remarca o alcalde, José María Bello Maneiro
Na sesión, que coincidiu co Día Internacional contra a violencia de xénero, gardouse un minuto de silencio en memoria das vítimas.