Hemeroteca

Convidan ao Barbanza a unirse á Rede de Mercados do Camiño

Este proxecto xurdiu ao abeiro do Xacobeo 2021 // O obxectivo é potenciar as vendas dos pequenos comercios ubicados na Ruta Xacobea // Poderán unirse de balde e o primeiro prazo para facelo remata o 8 de novembro

  • 17 oct 2019 / 20:58
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A Xunta de Galicia vén de pór en marcha a nova Rede de comercios e mercados no Camiño, xurdida ao abeiro do Xacobeo 2021. O obxectivo de dita iniciativa é potenciar as vendas do comercio de proximidade nos 138 concellos polos que pasan os Camiños de Santiago. Onte os comerciantes do Barbanza eran convidados a formar parte do proxecto. Ata Ribeira achegáronse a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, acompañada do concelleiro delegado de Relacións Institucionais, Turismo, Promoción e Dinamización Económica do Concello de Riveira; Ramón Doval, e do presidente da Asociación de Empresarios de Ribeira; Francisco Martínez Gude,

No acto, que se celebrou na Asociación de Empresarios ribeirense, explicouse aos asistentes que esta iniciativa vai permitir potenciar as vendas do comercio de proximidade de Santiago de Compostela e dos outros cento trinta e sete concellos polos que transcorren as diferentes rutas de peregrinación, ao tempo que servirá para mellorar os servizos que estes establecementos prestan aos peregrinos.

Sol Vázquez recalcou na reunión que poden sumarse á Rede de xeito gratuíto "tanto os establecementos comerciais como as asociacións de vendedores de prazas de abastos". Ademais, lembrou que "as agrupacións de comerciantes locais poderán solicitar a adhesión en nome dos seus asociados". O primeiro prazo para facelo permanecerá aberto ata o vindeiro 8 de novembro. Indicaron asemade que todos os establecementos que se adhiran ao proxecto "recibirán un pack de benvida con distintos elementos promocionais para os seus clientes e un distintivo identificativo para o local". Ademais, explicaron, poderán beneficiarse das distintas actuacións de dinamización que se levan a cabo en torno á Rede "para animar tanto aos peregrinos como aos veciños das vilas e cidades a consumir produtos de proximidade no comercio local", engadiu Sol Vázquez.

A orde que regula a adhesión de establecementos a esta Rede inclúe tamén unha convocatoria de axudas de ata 2.800 euros por beneficiario para que os establecementos adheridos que así o desexen editen coa imaxe da Rede de Comercios e Mercados no Camiño solucións en material biodegradable de empaquetado exterior, tanto para o seu envío como para a presentación do produto, protección ou para o seu consumo. Tamén poderán obter apoios para a edición personalizada de selos para as credenciais dos peregrinos. Destacar que esta iniciativa permitirá, a parte de dar visibilidade aos negocios situados nos Camiños de Santiago, manter a relación de clientes a través dos diferentes canais online de comercialización cando os peregrinos volvan aos seus lugares de orixe.

{ A OLLADA }

Comercio de proximidade

DENDE LOGO QUE É UNHA BOA INICIATIVA aproveitar a afluencia de peregrinos para potenciar os pequenos comercios ubicados nas diferentes rutas de peregrinación. Unha das formas de logralo que contempla esta Rede é potenciar o comercio on-line, de modo que os establecementos poderán fidelizar aos clientes, que terán acceso aos produtos unha vez regresen aos seus lugares de orixe. Ademais, todos os que se adhiran a este programa poderán beneficiarse das distintas actuacións que se poñan en marcha en torno á Rede. U­nha forma moi intelixente de dar visibilidade ao mercado de proximidade ao "obrigar" ao peregrino a reparar nel.

A PROTAGONISTA

Sol Vázquez Directora Xeral de Comercio "HAI QUE APROVEITAR AS SINERXIAS"

Sol Vázquez explicou que esta iniciativa, que onte trasladaron aos comerciantes do Barbanza, busca "aproveitar as sinerxias que nos ofrece o Camiño e todos os seus visitantes que pasan polo seus diferentes lugares, para dar visibilidade aos negocios locais que están na Ruta Xacobea". Desta forma, indicou, "convidamos ao peregrino a que merque nos establecementos locais". Ademais a directora xeral de Comercio insistiu en que todos os establecementos que se unan á Rede van participar en distintas promocións. "Por iso os convidamos a unirse e a traballar xuntos en aproveitar estas sinerxias que ofrece o Camiño". Agora, lembra, "temos de prazo ata o próximo 8 de novembro para que os comerciantes se apunten, e a cambio darémoslles un pack de benvida e a oportunidade de que creen o seu propio merchandising", explicou Vázquez.

Tema marcado como favorito