Hemeroteca

O CPEIG reúne expertos de toda España nunha xornada divulgativa en Compostela

    • 12 abr 2012 / 12:53
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) ultima a organización, en colaboración coa Axencia de Modernización de Galicia (Amtega), da xornada Open Data, Oportunidades de Transparencia na Era da Información, prevista para o vindeiro día 18 de abril en horario de mañá.

    O CPEIG reunirá diferentes expertos galegos e do resto de España para abordar o movemento que aposta por que determinados datos estean dispoñibles de forma libre a todo o mundo, sen restricións de copyright nin patentes, ou outros mecanismo de control. A filosofía do Open Data reside en liberar os datos co fin de propiciar o seu uso.

    A xornada terá lugar, en horario de mañá, no Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. O acceso ás charlas é libre ata completar o aforo. Inaugurará o encontro a directora de Amtega, Mar Pereira, acompañada polo presidente do CPEIG, Fernando Súarez Lorenzo.

    Segundo se pode comprobar no programa xunto, intervirán no encontro o director de Atención Cidadá do Goberno Vasco, Alberto Ortiz de Zárate Tercero; o director de Proxectos da empresa galega Bahía Software, Emilio José Díez Rico; David Cabo, patrono fundador da Fundación Ciudadana Civio, creador de dondevanmisimpuestos.es e tudrechoasaber.es; María José García Sexto, directora da Área de Modernización das Administracións Públicas de Amtega, da Xunta de Galicia; e Carlos de la Fuente García, director de Servizos Tecnolóxicos da Fundación CTIC. A xornada pecharase cunha mesa redonda sobre os Retos de Futuro do Open Data e a clausura a cargo do presidente do CPEIG.

    Tema marcado como favorito