Hemeroteca
imaxe

'Os Crebinsky': un filme único e unha produción 100% galega

Miguel de Lira, Sergio Zearreta, Luis Tosar e Celso Bugallo rodan esta longametraxe, dirixida por Enrique Otero ·· A película ten a súa orixe nunha 'curta' premiada en Valladolid

    • 24 sep 2008 / 03:24
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    O universo dos Crebinsky expándese e a curta que os deu a coñecer si que quedou, finalmente, curta. Por iso agora Luís Tosar, Miguel de Lira, Sergio Zearreta e Celso Bugallo están a rodar a longametraxe Os Crebinsky nos arredores de Santiago, pero tamén en Ortegal e Portomarín, onde rematará a gravación a principios de novembro.

    Para quen non os coñeza, os Crebinsky son dous irmáns creados por Enrique Otero e Miguel de Lira, aínda que a historia llelos atribúe ao piloto ruso Vladimir Crebinsky e a galega María Cribeiro. Os rapaces quedan orfos e aínda por riba a súa aldea vese asolagada por unha chea do río, polo que se trasladan a vivir coa súa vaca preto do mar. Alí sobreviven recollendo as crebas, os obxectos que o mar deposita na area. A súa prácida existencia complícase coa chegada duns saqueadores e cando se ven enredados na guerra. A historia xorde da evolución deses dous personaxes protagonistas da curta que en 2005 levou un premio do Festival de Cine de Valladolid. O director desta comedia, Enrique Otero, defínea como "unha road movie" na que os dous irmáns guiados pola súa vaca van descubrir a aldea da que proceden. Todo isto ambientado no ano 45, en plena febre do wolfram que atrae ao país americanos e alemáns. De aí que o filme estea gravado en cinco linguas, principalmente en galego, pero tamén en alemán, inglés, algunha frase en ruso pronunciada polo pai dos Crebinsky e a "linguaxe vaca", indica o responsable da produtora Control Z. O novo cantante de Lamatumbá, Sergio Zearreta, e Miguel de Lira dan vida a estes dous irmáns. Completan o elenco Celso Bugallo, Manuel Cortés, Manuel Lourenzo, Iolanda Muíños, Patricia de Lorenzo e Xesús Ron, entre outros.

    De Lira, ademais de actor e co guionista do filme, implicouse tamén na produción a través de Cabo San Lourenzo Producións. Semella que a idea lle entusiasmou tamén a Tosar, quen se sumou ao proxecto a través da súa produtora, Zircocine. Trátase por tanto dunha produción 100% galega a tres bandas -Control Z, Cabo San Lourenzo e Zircocine-, coa axuda da Consellería de Cultura e do ICAA do Ministerio de Cultura.

    Tema marcado como favorito