Hemeroteca
enfiando

Crucificar aos labregos

    • 29 abr 2016 / 21:41
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    LAIOS, churumicadelas e manifestacións polas vacas d'Axulfe. Ningunha empatía co señor Pepe do Carballiceiro. Investigado, acusado, denigrado, posto por tolo..., miña xoia!

    Todo comezou cando pediu un crédito para mercar 75.000 quilos de cota láctea e así lograr vivir decentemente. A baixa do prezo do leite, a suba do prezo do penso... O banco fíxose dono das súas vacas, do seu traballo, do seu futuro e, pensa, que da súa honra e a súa dignidade. Nunca foi home de deber cartos.

    E logo veu o fatídico accidente. O andar en caxatas, a morfina, día a día até hoxe, para sacar a dor...Tirou coa explotación mentres puido, pero o fornecedor do penso, como non pagaba o que lle debía, deixou de subministrarlle a comida necesaria. As vacas cada vez peor alimentadas, cada vez daban menos leite, enfermaban e o leite, mes a mes, tiña menos calidade e pagábanllo por unha miseria. Logo, secaron e xa non entraba un céntimo na casa. Era dono aínda de ben largacío de prados para mantelas. E día a día, durante catro meses, a unhas botábaas para preto da casa, a outras carretáballes outonizo, que este ano, non haberá outra cousa, pero herba, habela haina.

    Co último euro que lle quedaba na conta do banco mercou un camión de pacas de palla, castellana. Tamén acabou o silo, que, finalmente, estaba xa en mal estado e foi o que rematou coas vacas do 16 ao 30 de marzo.

    Ademais, sentía vergoña, a vergoña dun home de ben que se vía arruinado. Arruinado e sen nada ao final da súa vida. Tiña que ocultalo, sobre todo a súa nai, xa velliña. Non quería que soubese que a desgraza caera sobre a súa casa. A Casa do Carballiceiro!

    Podería ter chamado para que se fixesen cargo das vacas. E que ía facer el logo? Como mercaría outras? De que ía vivir? Calquera se desfai do seu capital!

    E o Pepe magoado, arruinado... Sufrindo coma ninguén polas súas vacas, vendo como todos os días vai perdendo o pouco que lle queda e toda ilusión e até a decencia, penaba. Só, calado. Agochando a súa desgraza.

    Retirar unha vaca morta custa 300 euros que non ten. As leis non son as de antes. Perdera o seguro. Non podía pagalo. Non se rende. Agardaba recibir a segunda remesa da PAC, pero non da chegado.

    Quen lle querería máis ca el as súas vacas! E veñen os animalistas manifestándose, acusándoo no xulgado, máis de dous anos de cadea lle piden, meu santo!, e rogándoas en adopción. As vacas non son mascotas, raio do demo! Os da vila podre, coveira de canallas, desprezando ao aldeán, coma sempre. Que sociedade... Adoramos aos animais, crucificamos ás persoas!

    Xornalista

    Tema marcado como favorito