Hemeroteca
{tribuna libre}

A culpafoi docha cha chá

    • 24 ago 2016 / 21:49
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    EN ESTADÍSTICA ADOITAN UTILIZARSE DISTINTOS MÉTODOS para rexeitar aqueles valores que se consideran atípicos de entre un conxunto de datos experimentais. Se aplicásemos algún deses criterios á porcentaxe de aprobados nas distintas materias dun mesmo curso dunha titulación, non poucas veces atopariámosnos con tales “anomalías”. Dito doutro xeito, non é infrecuente que nunha materia se dea unha porcentaxe ínfima de aprobados, á vez que eses mesmos alumnos superan na súa maioría o resto de materias do seu curso. Se isto non é normal nun curso académico, e como tal hai que analizalo para ver as súas causas e corrixir o que se fixo mal, que pensar dos casos nos que sucede o mesmo ano tras ano?
    A avaliación do rendemento dunha persoa cobra todo o seu sentido cando é parte dun proceso que busca a súa mellora. Facelo para seleccionar é inevitable cando a oferta é menor que a demanda, o que obriga a elixir mesmo entre aqueles que reúnen boas condicións para un posto de traballo, optan a cursar estudos con límite de prazas ou a competir por medallas nunhas olimpíadas. Podemos tamén avaliar como práctica disuasoria e sancionadora, como ocorre nos controis de alcoholemia que realiza a Dirección Xeral de Tráfico. Ou para anticiparnos a potenciais problemas, como ocorre cos test de tensión da banca. Con todo, a avaliación dos estudantes debe ter un obxectivo moi distinto. Cando educamos non deberiamos buscar simplemente sancionar nin seleccionar aos mellores estudantes, senón estimular a súa aprendizaxe e buscar a súa mellora permanente. Avaliar na educación só cobra o seu pleno sentido e utilidade como parte do proceso de ensinar e aprender. Por iso non se pode entender nin deberiamos resignarnos ante casos como o moi recente da materia de “Resistencia de materiais e elasticidade” nunha universidade española. Só catro dos máis de cincocentos alumnos que se presentaron á devandita materia lograron superar o exame do pasado mes de xullo. Sen dúbida, a resistencia e elasticidade que se pon a proba nesta materia é a dos seus alumnos.
    Non pensemos que isto ocorre só e excepcionalmente nesta ou aquela universidade. Non é unha anomalía infrecuente e desgraciadamente o corporativismo adoita amparar estas situacións, desculpándoas ou mesmo bendicíndoas baixo argumentos tan peregrinos como que os alumnos non se esforzan o bastante, que cada vez veñen peor preparados ou que o profesor ou profesora en cuestión é moi esixente. Se os alumnos non se esforzasen suficientemente suspenderían sistematicamente todas as materias e non algunhas en concreto. Se cada vez viñesen peor preparados, cantilena que oín toda a miña vida, os profesionais que formamos serían cada vez peores, algo que non oín case nunca. Se un profesor é moi esixente só ao avaliar pero non o é do mesmo xeito ao ensinar, é un mal profesor. Un bo profesor non é o que só ensina senón o que logra que os seus estudantes aprendan e se o fan deberían en xeral ter éxito nos procesos de avaliación correspondentes. Pensemos nas probas para obter o carné de conducir. Se os candidatos formados nunha determinada autoescola suspenden masivamente, a quen fariamos responsable? Sen dúbida á autoescola e aos seus monitores. Pero na Universidade raramente é así. O mal profesor non só non logra que os seus estudantes aprendan senón que adoita ser moi hábil exculpándose para non asumir as súas responsabilidades. Como na canción de Gabinete Galigari, a culpa foi do cha chá

    (*)O autor é presidente
    de Redemprendia e foi
    rector da Universidade de Santiago

    Tema marcado como favorito