Hemeroteca

Deberes dende o templo da física de partículas

A USC descúbrelles a ‘máquina de Deus’ a alumnos de 17 institutos // Os rapaces analizaron datos reais do maior acelerador do mundo e contactaron co CERN.

  • 22 mar 2012 / 21:08
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

"Por que ninguén nos dixo nada dos neutrinos se xa falaba deles nos anos 30?". Esther Pérez repite a pregunta-reproche dun alumno despois de que estas partículas se coasen nas portadas da prensa mundial por seren (falsas) sospeitosas de viaxar máis rápido que a luz. A profesora do IES de Salvaterra ilustra así o pouco peso que a física de partículas ten nos currículos de bacharelato, unha eiva que palía trasmitíndolle aos estudantes a súa paixón polo mundo subatómico. E tamén apuntándoos ás International Masterclasses do Laboratorio Europeo de Física de Partículas (CERN), unha experiencia única que onte permitiu a 57 rapaces galegos analizar datos reais do Gran Colisionador de Hadróns (LHC), o maior acelerador de partículas do mundo, chamada a máquina de Deus por ser unha ferramenta clave para acabar cos misterios da orixe do universo.

"Temos que traballar con gráficas e dicir que tipo de partículas se está desintegrando", conta Lara Vilas, alumna do IES compostelán de Sar –un dos 17 institutos galegos participantes na sesión celebrada na Facultade de Física da Universidade de Santiago de Compostela (USC)– mentres xanta no Monte da Condesa, horas antes de comparar por videoconferencia os resultados destes deberes especiais con rapaces de Clermont-Ferrand, Nantes, Xenebra e Sao Paulo, e moderada dende o propio CERN.

Os retos que afrontaron baséanse en datos obtidos hai meses de colisións de partículas elementais viaxando a velocidades próximas á da luz, arredor do anel de 27 quilómetros que debuxa o LHC baixo terra. "Nesta sesión case traballan como físicos experimentais, con datos do experimento ALICE, e co mesmo contorno gráfico que o se que usa para as análises profesionais, só que algo simplicado", explica o profesor da USC Cibrán Santamarina, que xunto a Jaime Muñiz, Carlos Salgado y Carlos Pajares organizan en Galicia esta actividade.

Más información en El Correo Gallego en Orbyt

 

Tema marcado como favorito