Hemeroteca
literatura

A Deputación da Coruña publica 'A vida do outro' de Carlos G. Reigosa

A novela, editada por Xerais, foi galardoada co Torrente Ballester de narrativa ·· Para o escritor e xornalista, o libro aborda "o que a Transición fixo en nós"

    • 24 jun 2009 / 23:30
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    A Deputación da Coruña presentou onte a publicación da obra A vida do outro, de Carlos González Reigosa, gañadora da última edición do premio de narrativa Gonzalo Torrente Ballester.

    A novela, editada por Xerais, é, segundo afirmou o director da editorial, Manuel Bragado, no transcurso da presentación, "u­nha das obras máis importantes de autor", que o confirma como "un mestre da novela contemporánea". A vida do outro xa está á venda nas librerías galegas, logo de ser seleccionada por unanimidade entre os máis de 400 orixinais presentados ó premio de narrativa Torrente Ballester, explicou o presidente da Deputación, Salvador Fernández Moreda, quen definiu a Carlos G. Reigosa como "un galego que exerce con orgullo como tal e que nos representa extraordinariamente alá onde vai". Pola súa banda, o autor do libro, Carlos G. Reigosa, descartou o carácter autobiográfico da novela, a pesar de que o seu protagonista, Miguel Cano, sexa tamén xornalista coma el.

    "Non é un libro de memorias, nin é autobiográfico. O que busco esencialmente é retratar a evolución dun estado de ánimo longo de medio século da nosa historia", o que converte o libro non nunha novela sobre a Transición, senón "sobre o que a Transición fixo en nós".

    Reigosa tivo verbas de eloxio para o premio Torrente Ballester, e destacou o prestixio deste, ao tempo que lembrou a súa especial relación co autor da Saga/Fuga de JB.

    Tema marcado como favorito