Hemeroteca

A Deputación investirá máis de tres millóns no comercio de Muros-Noia, O Barbanza e Sar

O Plan director do comercio terá unha vixencia de catro anos // Crearase unha oficina de apoio técnico ao comercio.

    • 28 abr 2010 / 13:12
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    A Deputación da Coruña presentou na Casa da Cultura de Porto do Son o seu plan director para a potenciación do comercio local. O plan executarase durante o período 2010-13 nas comarcas de Muros-Noia, O Barbanza e O Sar.

    Este programa ten como obxectivos a promoción e o equilibrio territorial na oferta comercial, a potenciación dos núcleos urbanos como centros comerciais, a mellora da xestión empresarial e a introdución das tecnoloxías da información, así como a mellora da imaxe, a promoción dos produtos locais e comarcais, o reforzo do asociacionismo comercial e o favorecemento da complementariedade do comercio co sector hostaleiro e turístico.

    Existirá un cuarto programa de xestión xeral, de carácter transversal a todas as actuacións que serán realizadas por unha oficina de apoio técnico ao comercio. Esta oficina incorporará un equipo técnico que actúe como dinamizador do comercio e a hostalería das zonas comerciais, que será responsable de promover, planificar, xestionar e dinamizar a área comercial deste territorio supramunicipal de forma conxunta e unitaria.

    A área territorial será a comprendida polos municipios da Pobra do Caramiñal, Boiro, Dodro, Muros, Noia, Lousame, Outes, Padrón, Porto do Son, Rianxo, Ribeira e Rois.

    O plan terá unha vixencia cuadrienal, e o orzamento ascende a 3.118.000 €, que se distribúe en catro fases: 700.000 euros (ano 2010); 1.223.500 (ano 2011); 822.500 (ano 2012); e 372.000 (ano 2013).

    TRES LIÑAS DE ACTUACIÓN

    1. Modernización dos mercados locais, que inclúe accións para a modernización dos mercados locais e de venda non sedentaria.

    2. Mellora da formación e xestión no comercio, que recolle actividades de formación e seminarios dirixidos a comerciantes e a técnicos municipais que traballen na área de comercio, xornadas para a dinamización do comercio e bolsas e premios para proxectos que axuden a potenciar e dinamizar o comercio.

    3. Dinamización do comercio local, a través do cal se porán en marcha actuacións para a implantación de novas feiras de actividades/produtos típicos locais e de excedentes, para o reforzo de campañas comerciais e para a dinamización do comercio mediante actos socioculturais.

    Tema marcado como favorito