Hemeroteca
{ palabras e parole }

Dificultade do italiano

    • 04 feb 2017 / 18:58
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    UN dicionario bilingüe non é só un conxunto de palabras de dúas ou máis linguas ordenadas alfabeticamente cos seus correspondentes na outra lingua. É moito máis ca iso.
    Ás veces usamos o termo dicionario dunha maneira imprecisa e mesmo non facendo diferencia cun léxico (palabras dunha obra ou dun autor), un vocabulario (termos específicos dun tema: gastronomía, escultura, medicina, etc.) ou un glosario (palabras escuras e desusadas ou moi difíciles).
    Un dicionario bilingüe debe servir para resolver as dúbidas das dúas linguas postas en contacto e aínda que vaia dirixido en particular aos estudosos dunha lingua, deberá ser ao mesmo tempo moi proveitoso para os da outra. Por iso cando madurabamos o proxecto de facer un dicionario bilingüe galego-italiano, italiano-galego tivemos moi presentes as dificultades que teñen os galego falantes que cren que o italiano é unha lingua moi doada porque como terra é en italiano terra, problema é problema, levante é levante, can é en italiano cane, pan é pane, ultimar é ultimare, tamén pensan que macchina é máquina, tasca, taberna, carta, carta, etc. Nada máis lonxe da realidade: a carta é o papel, a tasca é o peto, e así sucesivamente.
    Iso quere dicir que o redactor dun dicionario bilingüe, no noso caso italiano-galego debe anticiparse ás dúbidas que poidan xurdir na aplicación de determinadas voces. Poñamos un exemplo moi sinxelo: estrondo é en italiano fracasso. Xa aprendemos a equivalencia entre ámbalas dúas linguas, pero inmediatamente vénsenos á cabeza a seguinte pregunta: como se dirá, xa que logo, en italiano fracaso? Esta dúbida pódese resolver se engadimos unha lenda sinxela como pode ser a seguinte: para referirse ao fracaso en italiano emprégase o termo fallimento. O mesmo sucede, naturalmente, se estamos redactando un dicionario galego-italiano: bacallao é en italiano merluzzo, mentres que merluza corresponde ao italiano nasello.
    Foi a nosa longa experiencia docente a que nos permitiu coñecer de primeira man a dificultade que teñen os galegos, que adoitan considerar a lingua italiana moi doada, esquecéndose de que, precisamente por tratarse de dúas linguas afíns, ou tal vez por iso, hai moitos termos enganosos, os chamados “falsos amigos” que complican moito as cousas. Un exemplo moi claro sería o italiano montone que en galego significa carneiro e non montón, como podería parecer a primeira vista. Por certo, en italiano montón dise mucchio ou familiarmente sacco.
    Ademais disto preséntanse outros problemas como son, por exemplo, as palabras moi específicas, as verbas culturais, etc. que iremos esmiuzando para analizar con máis detalle as distintas posibilidades de solución.
    Aínda que non sexa fundamental –de feito unha boa cantidade de dicionarios bilingües non o fan–, neste tipo de dicionarios convén, se é posible, dar outras explicacións como por exemplo os plurais irregulares, as variacións do acento –o problema da acentuación en italiano é unha das cousas máis complicadas para un galego–, os sinónimos e antónimos etc.
    Teremos ocasión de falar do problema dos exemplos porque nun dicionario bilingüe é moi importante dar exemplos axeitados, a poder ser collidos da lingua viva, coa finalidade de que o usuario, sen darse conta vaia aprendendo novo vocabulario da lingua que descoñece.
    Catedrática Filoloxía Italiana da USC

    Tema marcado como favorito