Hemeroteca

"Escribir este novo libro salvoume", di a escritora Ursula Heinze de Lorenzo

Quique Alvarellos: "É un documento único, sen precedentes nas letras galegas"

    • 23 abr 2015 / 21:28
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    Santiago. Tras padecer unha fonda depresión, a escritora e filóloga Ursula Heinze decide ingresar voluntariamente no sanatorio psiquiátrico La Robleda, preto de Santiago de Compostela, experiencia presente no libro E os domingos un croissant, editado por Alvarellos Editorial.

    Heize, autora dunha extensísima e premiada obra literaria, relata neste libro os dous meses de finais de 2014 que pasou internada tratando de superar a súa enfermidade. Escribiu día a día. A obra que o lector ten nas súas mans é o retrato coral, intenso e fondamente humano da vida nun psiquiátrico galego.

    "Aquí, no Sanatorio, podemos vivir como realmente somos -afirma Ursula-. Fóra, o mundo é real pero, para sobrevivir, temos que disfrazarno".

    Para o editor, Quique Alvarellos, a nova obra de Heinze "é un documento único, sen precedentes nas letras galegas, unha obra de resistencia, de vontade e, sobre todo, de coraxe".

    Ursula Heinze de Lorenzo naceu en 1941 en Colonia (Alemaña). Licenciouse en Filoloxías Inglesa e Alemá na Universidade de Colonia. Formou parte do grupo universitario de teatro, estudou piano e canto. Reside e escribe desde 1968 en Santiago.

    Foi catedrática de Ensino Medio en Alemaña e lectora de alemán -na Universidade de Valladolid (1973-1977). É membro fundador do PEN Clube Galego e a súa presidenta de 1991-1995. No ano 1993 organizou en Santiago de Compostela o 60 Congreso Mundial do PEN. Ata 2014 foi membro do Patronato Rosalía de Castro.


    AUTORA DE NUMEROSAS OBRAS. É autora de numerosas obras: novelas, relatos, ensaios, literatura infantil e xuvenil, poesía en galego, e poesía e relatos en alemán. Traduciu obras de autores alemáns ó galego e ó castelán.

    Tema marcado como favorito