Hemeroteca
{ tribuna libre }

‘Esperando o leiteiro’

    • 23 ago 2012 / 20:04
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    O protagonista da última novela de Neira Vilas, Esperando o leiteiro, é un mozo campesiño que nos anos cincuenta do pasado século pretende emigrar a Buenos Aires. Sae da súa casa para coller o "coche de liña", pero pérdeo e daquela camiña sete kilómetros coa maleta ao lombo para esperar o leiteiro e viaxar con el ata Santiago a onde espera chegar con tempo para subir ao tren que o leve a Vigo e alí poder embarcar con destino á Arxentina. Sentado na maleta de emigrante e acompañado por unha vendedora de figos e un home que leva o seu fillo ao oculista, cavila e recorda, nun monólogo en segunda persoa, unha práctica narrativa pouco habitual na narrativa de noso. Así dá comezo Esperando o leiteiro, a nova novela de Neira Vilas na que volve deitar unha ollada sobre a emigración e retrata asemade con verosimilitude a realidade social e política do país naqueles anos de miseria. A novela é a radiografía dun universo hoxe desaparecido, o da aldea coas súas prácticas e vezos, os seus traballos e abafos, a súa fala, presentada dun xeito en boa medida experimental: un monólogo sen interrupcións, sen capítulos nin puntos aparte, porque, así o xustifica o escritor, o pensamento non ten capítulos, flúe como un regueiro e, mentres o protagonista cavila temeroso de que non chegue a tempo o leiteiro, calquera asociación de imaxes ou ideas sérvelle de motivo para rebobinar a súa existencia, despedirse do mundo miserento que o acollera ata entón e proxectar a súa imaxinación, inquedanzas ou esperanzas sobre Buenos Aires, fronte á rachadura da emigración, ao abandono da vida familiar nos días da infancia e tamén á miseria material e moral da posguerra. Amalgama Neira Vilas anécdotas e circunstancias autobiográficas ou históricas (o primeiro baile, a confesión por escrito, a explotación do volframio, os traballos agrícolas, a violencia de fondo sobre todo contra as mulleres...) cun amplo material ficcional, servíndose axeitadamente do humor, como o mellor aliado para retratar un universo ateigado á vez de miseria e de soños, descrito cunha lingua sinxela e accesible. Con esta novela, Neira Vilas segue profundando literariamente no feito migratorio que tan ben coñece por ter sido el mesmo testemuña do mesmo durante moitos anos.

    literario

    Tema marcado como favorito