Hemeroteca
V Congreso Europeo

Expertos de varios países en metodoloxía, lóxica e filosofía reúnense en Santiago

    • 17 jul 2012 / 21:28
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    A conferencia do profesor da Universidade de Oviedo José Muñiz titulada ‘Perspectivas actuais e retos futuros na mediación psicolóxica’ é o acto central da sesión de inauguración do V Congreso Europeo de Metodoloxía que o reitor Juan Casares presidirá este mércores 18 a partir das 19.30 horas no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia. Por outra parte, o recoñecido filósofo Philip Kitcher protagoniza un simposio sobre a súa obra no Congreso da Sociedade de Lóxica, Metodoloxía e Filosofía da Ciencia en España, tamén en Santiago

    Na cerimonia de apertura do primeiro referido, o Europeo de Metodoloxía, participan tamén o presidente do comité organizador e profesor da USC, Constantino Arce; a decana da Facultade de Psicoloxía, Carolina Tinajero; e o presidente da Asociación Europea de Metodoloxía, José Muñiz Fernández, que nomeará membro de honra da asociación ao profesor Ronald K. Hambleton.
     
    Agás a inauguración, o congreso desenvolverase na Facultade de Psicoloxía ata o venres 20 organizado baixo os auspicios da Asociación Europea. O encontro reunirá á comunidade científica internacional para debater cerca dos últimos avances nesta disciplina da Psicoloxía.
     
    Estruturado en diversas sesións paralelas de comunicacións e grupos de traballo, o programa contempla tres relatorios principais de importantes expertos, todos eles ás 12.30 horas. O mércores 18 intervén Ronald K. Hambleton, da Universidade de Massachusets (EE.UU.), a quen lle seguirá o xoves Antoine de Falguerolles, da Universidade francesa Paul Sabatier. O venres 20 será a quenda de Jimmy de la Torre, da Rutgers (EEUU).

    No congreso está tamén prevista a entrega de premios á mellor presentación e ao mellor artigo publicado, ambos os dous destinados a persoal investigador júnior.

    Congreso da Sociedade de Lóxica, Metodoloxía e Filosofía da Ciencia en España

    A Sociedade de Lóxica, Metodoloxía e Filosofía da Ciencia en España (SLMFCE) e o Departamento de Lóxica e Filosofía Moral da Universidade de Santiago organizan o VII Congreso da mencionada sociedade que se desenvolverá na Facultade de Filosofía do 18 ao 20 de xullo de 2012.

    O congreso que promove a SLMFCE celébrase cunha periodicidade trianual co obxecto de fomentar a integración da área de Lóxica e Filosofía da Ciencia e servir de lugar de encontro a quen traballa nesta área.

    A inauguración do encontro terá lugar este mércores 18 ás 9.00 horas nun acto no que, presidido polo reitor Juan Casares Long, participan ademais o decano da Facultade de Filosofía, Luis García Soto; a presidenta da Sociedade da SLMFCE, María José Frápolli Sanz; o director do Departamento de Lóxica e Filosofía Moral da USC, José Miguel Sagüillo; e a presidenta do comité organizador, a profesora da USC Concha Martínez.
     
    Philip Kitcher
    Como novidade, este congreso incorpora a celebración da serie ‘Conferencias Lullius’ da Sociedade de Lóxica e Filosofía da Ciencia en España que contará coa presenza de filósofos de prestixio que darán a coñecer os seus últimos traballos. Nesta súa primeira edición as conferencias correrán a cargo de Philip Kitcher, catedrático da Universidade de Columbia de Nova York, que intervirá os tres días de duración do congreso en sesión plenaria, todos eles ás 11.50 horas. Kitcher, recoñecido filósofo inglés, será ademais obxecto dun simposio no que se analizará a súa obra, dedicada á filosofía das ciencias.

    Tema marcado como favorito