Hemeroteca
Beiras sacode o Twitter

"Feijóo está matando máis xente que nengún grupo terrorista do estado español"

Beiras ratifícase en que "os recortes en sanidade matan" e cita ao Nobel Esquivel, que falou de xenocidio // Feijóo pide respecto

  • 16 oct 2012 / 11:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Unha frase de Beiras recollida no twitter está provocando unha forte polémica na Rede. "Feijóo está matando máis xente que nengún grupo terrorista do estado español", é a afirmación do líder de Alternativa Galega. Os tweets saltan dun ladoa  outro e a controversia vaise estendendo a gran velocidade, e mentres, Beiras Beiras ratifícase en que "os recortes en sanidade matan" e cita ao Nobel Pérez Esquivel que falou de "xenocidio".

O voceiro nacional de Alternativa Galega de Esquerda e cabeza de lista por A Coruña, Xosé Manuel Beiras, ratificouse nas súas declaracións realizadas este luns e nas que, segundo recolleu un tuit desta coalición, o dirixente nacionalista dixo que "Feijóo está a matar máis xente que ningún grupo terrorista do Estado español", a reafirmarse en que non ten "dúbidas" de que "os recortes en sanidade están a matar xente" e citar ao Nobel Pérez Esquivel, que falou de "xenocidio".

Despois de que o presidente da Xunta e candidato á reelección, Alberto Núñez Feijóo, pedise "respecto" e a través da súa conta de Twitter cualificase de "lamentable" as palabras de Beiras; o dirixente nacionalista respondeu, nun comunicado: "Non teño a menor dúbida de que os recortes en sanidade están a matar xente".

"Cando unha muller con cancro de mama ten que esperar un ano en lista de espera polo tratamento, iso ¿que é?; cando un inmigrante sen traballo non pode ter asistencia médica pública, ¿que ten que facer, ir á privada sen diñeiro?; ou cando a crise económica está a levar á miseria a moitas familias, incrementa as depresións e a taxa de suicidios, ¿quen é o responsable?", puxo enriba da mesa Xosé Manuel Beiras.

Ademais, Beiras asegurou que esta afirmación "non é algo que diga só Beiras", senón que o Premio Nobel Pérez Esquivel, nada menos que un premio Nobel, dixo que a débeda e as políticas do FMI constitúen un auténtico xenocidio nos países nos que se aplican".

Pola súa banda, a número dous por A Coruña de coalición, Yolanda Díaz, afirmou que "o único" que dixo, "máis alá das formas", o "profesor Beiras", é que os "recortes en sanidade "matan". Mentres, o deputado de IU, Gaspar Llamazares, afirmou que esas políticas "custan vidas".

"Máis alá da forma, o único que fixo é poñer os focos de atención sobre o que está a pasar", asegurou Díaz, restando así importancia ás palabras de Xose Manuel Beiras, quen, "o único que dixo --concluíu-- é que os recortes "están a empobrecer" a sociedade. "E o que é máis grave, matan", subliñou nunha charla sobre sanidade na que participou este martes en A Coruña.

"OS RECORTES CUSTAN VIDAS"

Pola súa parte, Gaspar Llamazares, tamén fixo referencia ás declaracións afirmando que "os recortes en saúde custan vidas", ao tempo que puxo de relevo que se está a producir "unha deterioración na saúde" debido á "precariedade" e á "inseguridade" na que vive a poboación.

Tamén en declaracións aos medios, preguntada por iso aproveitando a súa presenza na concentración de Nunca Máis ante Palexco, Yolanda Díaz incidiu en que "o profesor Beiras foi capaz de resituar o conflito de emerxencia social terrible" e "poñer o foco nos problemas", ao respecto do que recordou que o 22 por cento da poboación vive en situación de pobreza.

"Máis alá das formas, o que fixo foi dicir alto e claro que os recortes matan, que os recortes na sanidade pública matan, que os recortes no ensino público conducen a unha brecha social inaguantable,", sentenciou.

 

 

Tema marcado como favorito