Hemeroteca

Ferramentas Google para o futuro do xornalismo na "Ourense ICC Week"

As actividades do Marco das Industrias Creativas, organizadas pola Deputación de Ourense, continúan hoxe no Pazo de Vilamarín e en San Pedro de Rocas, abordando Design Thinking e crowdfunding

  • 13 may 2016 / 18:29
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A Semana das Industrias Culturais e Creativas, "Ourense ICC Week", que organiza a Deputación de Ourense, continuou este xoves en distintos lugares da provincia. Pola mañá, con obradoiros de competencias dixitais no Pazo de Vilamarín, cun foro sobre Ferramentas Google para o futuro do xornalismo e, pola tarde, unha mesa redonda para falar dos novos retos culturais e creativos en Galicia, en San Pedro de Rocas, onde se poñerá de manifesto o papel que exerce a cultura no desenvolvemento local.

No Centro Cultural "Marcos Valcárcel", o responsable de Google News Lab para España e Portugal, Millán Berzosa, ofrecerá no Foro La Región unha conferencia-coloquio sobre "ferramentas Google para o futuro do xornalismo", dirixido aos medios de comunicación e profesionais do sector. Trátase dun encontro "sobre cómo usar Google de forma avanzada con fins periodísticos. Con exemplos sobre como dar instrucións ao buscador para procurar ficheiros na web do Instituto Nacional de Estatística, e facelo sumando palabras clave referidas a institucións ou mesmo comparando a popularidade de personaxes públicos, así como funcionalidades avanzadas de mapas e como aproveitar a tecnoloxía de 360º para contar historias", explicou Millán Berzosa.

As temáticas sobre as que se traballaron na xornada deste xoves nos obradoiros son o crowdfunding, como ferramenta de financiamento para as ICC, impartido por Iván L. Gimeno, Digital Marketing Manager, consultor e formador; e sobre Design Thinking, en proxectos culturais, de deseño centrado nas persoas, a cargo de Diego Parajó, de Xeneme Produccions, innovación empresarial.

"Nun eido onde as axudas públicas e ás empresas determinan a posibilidade da creación de obras e producións culturais (libros, banda deseñada, cinema, etcétera) o crowdfunding, o financiamento colectivo, supón unha alternativa útil que ademais conta con importantes vantaxes creativas e de publicidade", afirmou Iván L. Gimeno, ao respecto deste sector.

Pola súa banda, Diego Parajó, explicou que o Design Thinking, "é unha metodoloxía de desenvolvementos creativos para a crear produtos, servizos, procesos, sobre todo, para xerar prototipos que se poidan executar e crear temas de innovación nas empresas". Por iso, aos asistentes ao obradoiro propúxoselles un reto: "A raíz dun problema formulado tiñan que, a través de esa metodoloxía, crear prototipos que deran solución a ese problemas", sinalou Diego Parajó.

O Design Thinking está pensado para conseguir o benestar humano, e actualmente, emprégase en diferentes ámbitos, "desde os cambios no deseño web que se basean na experiencia do usuario, ata en empresas para técnicas de análise das condutas dos clientes", exemplificou Diego Parajó. Esta metodoloxía pasa por diferentes fases como empatizar, e en base a iso, definir o problema, ao que se propón diferentes solucións, das que só as máis interesantes se prototipan e pasan a ser testadas.

Na xornada de tarde, abordarase o tema dos novos retos culturais e creativos en Galicia, en San Pedro de Rocas, onde intervirán; Marcos Lorenzo, consultor cultural que actuará como moderador; Julio Gómez, director do Festival Sin Sal; Rómulo Sanjurjo, director JAU (xestión cultural) e músico; Iván Arias, director Work On Sunday; e Berta Álvarez-Buylla Falces, coordinadora do Centro de Emprendemento da Fundación Cidade da Cultura.

Na mesa redonda abordarase o papel da cultura no desenvolvemento local, isto é, o impacto que xeran os proxectos culturais no territorio onde se realizan, tanto no ámbito económico, como social ou antropolóxico. "Por exemplo, a celebración dun festival de música, ten unha importante repercusión económica no lugar onde se desenvolva, e en distintos sectores: a hostalaría, o turismo, a restauración, entre outros, pola cantidade de visitantes que atrae a esa localidade", sinalou Marcos Lorenzo. Asemade, explicou "canta máis densidade de xente creativa teña un lugar, maior impacto terá na produtividade do territorio, aínda que sexa por efecto contaxio".

Outros dos efectos que causan a realización de actividades culturais, están relacionados con cuestións de "cohesión social", en tanto que fomenta a participación da xente da localidade, fortalecendo os vínculos entre eles, e na "identidade" dese territorio, en tanto que afecta a autoestima da sociedade e fai que "vexamos o noso lugar cos ollos dos visitantes, e que non só sexa valorado polos de fóra senón tamén por nós mesmos", afirmou Marcos Lorenzo.

Pola súa banda, Rómulo Sanjurjo destacou que Galicia "é un país con alta capacidade creativa e cun gran talento pero, cun mercado interno que non ten capacidade de absorción. Isto, obriga aos creadores e empresas culturais, a afrontar retos, que son universais das industrias culturais e creativas, como son a busca de novos mercados, aproveitando o paradigma dixital, para unha mellor conexión e interactuación cos consumidores, usuarios e públicos, establecendo novos modelos de comunicación e interacción, adaptado aos novos hábitos de consumo".

E engadiu, "Galicia debe aproveitar os seus valores identitarios: idioma, patrimonio e relacións históricas con outros territorios para difundir e proxectar os seus bens, produtos e servizos culturais, máis aló do país e ten unha oportunidade única na súa situación xeográfica privilexiada como porta de entrada a Europa, América Latina e o Caribe, principalmente".

Para Rómulo Sanjurjo débese poñer no centro da acción "ao habitante da cultura": o consumidor, ao público, ao usuario e ofrecerlle os contidos e servizos que demanda, sempre, cunha mirada máis global".

Programación

En canto á programación prevista para mañá venres, 13 de maio, na xornada de mañá, na Molinera, abordarase o tema da economía creativa e o futuro dos contidos, onde intervirán, Edgar Martin Blas, CEO en New Horizonts VR; Áurea Rivela, directora de Uptopic us, Zinc Shower; Millán Berzosa, Google News Lab, Media Training Specialist España e Portugal; e Julio Manso, Sales Managing Director en Admanmedia.

Asemade, haberá un espazo dedicado aos máis cativos coa celebración da ICC Kids na Molinera, onde a partir das 16.00 horas, terá lugar unha conferencia do profesor de artes plásticas, José Rivela e os seus alumnos da ESO, na que falarán da súa experiencia na creación da curtometraxe "Looking for Bill Viola", e a súa relación co artista Estadounidense Bill Viola. Posteriormente, celebraranse dous micro-talleres, un de plastilina e pintura condutiva, e outro de Stop-motion.

Pola tarde no Teatro Principal da Deputación de Ourense, debaterase sobre "Ourense, provincia intelixente, o futuro prometido", onde participarán David Rowan, director xefe de Wired UK; Alberto Valero, director do proxecto educativo Bq; e Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense. E, como peche da xornada, actuarán a banda ourensá Os Amigos dos Músicos.

Tema marcado como favorito