Hemeroteca
{pan e coitelo}

Festa barroca

    • 22 feb 2016 / 21:42
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    A EDITORA Alvarellos renova con cada libro o seu prestixio dentro da cultura galega. Débese sen dúbida á frescura das buscas e á paixón por publicalas. O mes pasado levou ao prelo Historias de Compostela, do ano 1970, que agora sae en galego. Filgueira Valverde, o autor, foi un erudito de fonduras requintadas, mais non caprichosas, que ás veces perde interese para o público porque está pouco difundido, mal lido e apenas estudado. Mais nesta obra esperta a curiosidade inmediata dos composteláns, e pola mesma razón a dos galegos, que verán explicadas cunha sutileza insuperábel algunhas circunstancias do pasado da cidade, tanto espaciais como espirituais.

    Eu gosto moito de dúas partes. Da medieval, con Xelmírez construíndo e actuando, e da Festa Barroca, que comeza cunha gulosa introdución de catro páxinas. Nela conta como os homes dos séculos XVII e XVIII destruíron parte da seria cidade románica, de peregrinación, e a converteron en barroca, de festa interminábel. Entusiasmo e movemento a toda costa. Desaparece así a fonte do Mestre Bernardo, a "claustra vella", o coro do Mestre Mateu, o Paraíso, a cerca da cidade, as almeias da catedral. O cemiterio da Quintana convértese en campo de xogo e as vellas ábsidas en balcóns para a rexouba. Febre de festa, teatro, espectáculos, iluminacións, movemento sen fin e fogos artificiais con argumento, porque nese tempo a efémera pirotecnia era unha arte nobre que se lle encargaba aos arquitectos.

    Profesor de instituto

    Tema marcado como favorito