Hemeroteca
bágoas de crocodilo

Filgueira

    • 25 jul 2014 / 19:44
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    DE DON RAMÓN de las barbas de chivo, dixo un político (non sei se o ditador Primo de Rivera ou o xefe do goberno Martínez Barrio, póñame o lector no certo, que non pode un estar a todo) que era eximio escritor y extravagante ciudadano, unha cualificación intelixente que leva a considerar que as calidades dun labrador da estética (da palabra, do pentagrama, do lenzo ou da arxila) non deberan mesturarse coa súa bagaxe persoal, sequera fose porque esta pode enfouzar groseiramente a percepción das calidades do artista. No ano 1999, moitas veces alzáronse, iradas, denunciando o escaso fuste literario de don Roberto Blanco Torres para recibir o Día das Letras e alegando que todo o seu mérito era ter sido paseado por catro falanxistas. Eu razonei que a súa infame morte, en efecto, non era vitola abonda para lle conceder o galardón pero, de ningunha maneira, tampouco para retirarlla, toda vez que os académicos coincidiran nas credenciais do meu parente a respecto, estritamente, do seu cultivo da lingua galega.
    José María Pemán non pasará, ao meu xuízo, á historia da gran literatura española, e non por ser un escritor directamente vinculado polo franquismo, ata o punto da súa sacralización literaria polo Régimen, senón por ser un pelmazo, autor de flatulencias líricas. De xeito inverso, as manifestas simpatías de Giorgio de Chirico cara ao fascismo non foron impedimento para envialo, con xusta unanimidade, ao olimpo da pintura contemporánea. Quero con isto dicir que mesturar galgos con podencos é impropio de xentes intelectualmente íntegras e fieis ao criterio do esteticamente valioso fronte a continxencias biográficas que en nada, ou moi pouco, aminguan ese criterio. Ignoro, en consecuencia, o proceso en virtude do cal don José Filgueira Valverde debera ver aminorados os seus méritos literarios e a súa achega ás letras galegas polo feito de ter colaborado coa Administración franquista. Polo demais, e por un casual, teño diante o programa dos actos desenvolvidos en Pontevedra o 12 de outubro de 1961, nos que o Gobernador Civil e Xefe Provincial do Movemento convidaba ao discurso de exaltación hispánica pronunciado por D. Álvaro Cunqueiro y Mora-Montenegro (de la Real Academia Gallega, especifícase). Pero, claro, cada quen, como o mal impresor, carga as tintas onde lle peta. Porque neste país, postos a repartir, hai para todos.

    Editor e escritor

    Tema marcado como favorito