Hemeroteca
notas de actualidade

Follas novas, novas follas

    • 01 abr 2010 / 21:18
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    Para confirmar as potencialidades da poesía rosaliana darei conta dunha actividade arredor de Follas novas, argallada por dúas amigas de Rosalía, que tamén o son de meu. É un  obradoiro nacido dunha idea artística de Luz Darriba e da interpretación didáctica de Encarnación Lago. Luz Darriba é unha traballadora infatigable que anda polo mundo facendo cousas grandes de tamaño e contidos, moi singularmente referidas aos dereitos das mulleres, á promoción da cultura e ao fenómeno migratorio. E Encarnación Lago coordina activamente a rede museística da Deputación de Lugo.

    Esta idea, na que colabora un numeroso equipo de mulleres e homes profesionais de moi diversos campos, é esteticamente fermosa, didacticamente modélica na metodoloxía, pedagoxicamente rendible nos valores que desenvolve e literariamente estimuladora da lectura, a comprensión e o coñecemento da obra de Rosalía. O obxectivo deste traballo multidisciplinar, intergrupal e en rede, é a comprensión das migracións a través da obra rosaliana, na que este fenómeno está moi presente, para potenciar valores de igualdade de xénero, raza, condición, relixión, etc. E tamén de protección do medio ambiente, de fortalecemento da identidade colectiva e de comprensión da alteridade. E todo isto coa última finalidade de que a obra de Rosalía siga presente e actualizada no século XXI.

    Para desenvolvela andan a traballar co alumnado de Primaria e Secundaria -nos talleres dos museos participan tamén familias- dos centros educativos que hai nas áreas xeográficas de influencia dos museos Pazo de Tor, Provincial do Mar de San Cibrao e Etnográfico de San Paio de Narla. Máis tarde, a experiencia abrirase a outros centros. O alumnado comeza nas aulas o traballo de lectura, comprensión e expresión sobre o recorte, en papel, dunha artística folla de carballo. E segue no entorno natural dos museos, en compañía das familias, que é onde se len os poemas e as reflexións para logo prender estas follas nas árbores.

    Estas follas farán despois a súa propia emigración á República Argentina (Biblioteca Nacional e Museo de la Inmigración) pasando antes pola Casa de Rosalía, onde deben estar o Día do Libro. Porque esta ambiciosa experiencia unirá o "Día da Poesía", o "Día do Libro" e o "Ano de Achegamento entre Culturas".

    Tema marcado como favorito