Hemeroteca

Frades mellora a sinalización e vai recuperar bens culturais

Restauraranse a Fonte de Mesos e o Muíño de Ponte Carballa, entre outros // Vanse investir case 50.000 euros, dos que Turismo de Galicia aporta o 65 por cento// As actuacións estarán rematadas antes de finais deste ano

  • 20 oct 2019 / 21:27
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Ampliar a sinalización turística intelixente, mellorar a existente e recuperar a Fonte de Mesos, o Muíño de Ponte Carballa e o Sendeiro do Muíño de Céltigos. Para levar a cabo todos estos proxectos, o Concello de Frades investirá case 50.000 euros, dos que a Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, achegará o 65 por cento. E esta mesma semana o alcalde do municipio, Roberto Rey, asinou un convenio de colaboración co presidente da entidade, Román Rodríguez González. A idea é recuperar os elementos etnográficos e indicadores turísticos da vila.

A través deste convenio, o Concello fradense ampliará os sinais intelixentes do municipio coa instalación dun que inclúe beacon no lugar do Vedral, na parroquia de Abellá. Trátase dun punto de información turística como o xa instalado na praza de Ponte Carreira, e que agora chegará ao segundo núcleo de poboación máis importante de Frades. Finalmente, procederase á instalación de cinco tótems de benvida en diferentes estradas da vila. Unhas actuacións que estarán executadas antes de que finalice o ano.

Esta achega de Turismo de Galicia complementa á concedida en 2017 por esta mesma axencia, que supuxo un investimento de 49.994 euros na promoción do municipio como destino turístico intelixente. A través dese convenio, dotouse a zona de equipamentos de sinalización turística como: sinais para orientación de vehículos e paneis de información turística e sistemas de xestión e información (coa instalación dun sinal intelixente con sensores na Praza de Ponte Carreira e dun sistema de información turística).

E para manter informados a todos os que se acheguen a Frades, o goberno local implantou un servizo na nube (cloud computing) que funciona con calquera navegador web e que permite o seu uso con calquera dispositivo (ordenador, portátil, tablet e, por suposto, o teléfono móbil).

Así mesmo, instaláronse paneis de identificación de espazos naturais, con datos e características dos lugares, nas praias fluviais de A Presa (Ponte Carreira) e Os Pasos (Aiazo), así como nas áreas recreativas da Ponte Carballa (Abellá), O Muiño (Céltigos) e na piscina municipal de Papucín.

Toda a información turística está accesible a través de códigos QR e chips NFC. Así mesmo, colocáronse dezasete sinais de percorrido, en forma de frecha de aluminio, para orientación de vehículos e mellorouse a a­ccesibilidade á praia fluvial de A Presa e na piscina municipal de Papucín mediante a construción de pasarelas de madeira. Xa está instalado un punto beacon (baliza electrónica) en Ponte Carreira e un sinal informativo na área recreativa de Céltigos. Non obstante, seguirá traballándose na mellora do lugar, posto que vai recuperarse a zona do muíño.

{ A OLLADA }

Potenciación turística

DENDE LOGO QUE OS POBOS DO RURAL contan tamén cun rico patrimonio que merece darse a coñecer, e nada mellor para facelo que potencialo ao turismo a través dunha adecuada sinalización e, por suposto, cunha boa promoción facendo uso das novas tecnoloxías. Frades é un dos municipios do rural que ten presente a posibilidade de atraer visitantes aos seus lugares, e por iso vén de investir case 50.000 euros en mellorar a sinalización turística intelixente e arranxar o patrimonio etnográfico. U­nha gran decisión que axudará economicamente aos negocios locais e que porá en valor a riqueza de Frades máis alá da propia vila.

O PROTAGONISTA

Roberto Rey

Alcalde de Frades

"velar polo patrimonio etnográfico"

O rexedor de Frades explicou que o municipio "xa conta cunha plataforma dixital para pór en valor os seus recursos turísticos, pero agora é preciso ampliar os puntos de información á estrada AC- 524", indicou. E isto é debido ao elevado tránsito que soporta esta estrada diariamente. Tamén búscase con este investimento, engadiu Roberto Rey, "mellorar a sinalización" e promocionar e resaltar "o noso patrimonio etnográfico como son a fonte da contorna do Lavadoiro de

Mesos, o muíño da Área Recreativa de Ponte Carballa e o sendeiro e peche da parcela da Área Recreativa do Muíño de Céltigos". A idea é rematar todo antes de 2020.

Tema marcado como favorito