Hemeroteca
{ no pasar dos días }

Galicia nas primeiras fotos

    • 06 sep 2014 / 20:48
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    AO longo de todo este mes terá lugar no Café Casino compostelán, situado no centro monumental da cidade xacobea, unha singular mostra titulada As fotos máis antigas de Galicia, promovida e organizada por Alvarellos Editora e comisariada polo propio director Henrique Alvarellos. Este martes, tivo lugar a inauguración.

    As informacións referidas ao descubrimento deste tema, en relación coas primeiras imaxes fotográficas realizadas no noso país cando a viaxe da soberana Isabel II, viñeron ao meu coñecemento por unha crónica de Salvador Rodríguez, a fins de 2013, con ilustracións do pioneiro fotógrafo Andrés Cisneros, datadas en 1858, nas que se dá constancia de que por aqueles días no santiagués –permítaseme a transcrición– "claustro de San Martíño Pinario se acollía a Exposición Agrícola, Industrial y Artística, que tivo á raína como á súa máis ilustre visitante. No transcurso da visita a aquela mostra, considerada a primeira Expo organizada en Galicia, Isabel foi agasallada cunha colección de 14 fotos da capital galega, cun amplo protagonismo da catedral e do seu entorno, así como de escenas da propia exposición, todas elas asinadas por Andrés Cisneros, que se incorporarían ao Álbum de Viajes de la Reina Isabel II". Neste senso, cómpre subliñar que, na actualidade, "forma parte do Patrimonio Nacional del Archivo del Palacio Real de Madrid e que alí foron atopadas polo editor Henrique Alvarellos que, logo de cinco anos de investigacións, chegou á conclusión, corroborada por outros especialistas na historia da fotografía, de que se trata das imaxes fotográficas máis antigas que se documentan en Galicia".

    Na invitación, ao xeito dunha postal coa reprodución das fotos en montaxe estética do estilo que hoxe entendemos como vintage, fáisenos constar de xeito inequívoco que é a colección de fotografías máis antigas de Galicia nunca expostas en conxunto ata agora. 20 imaxes: 19 de Santiago e 1 de Ferrol (anónima). Nas palabras de apertura, Henrique Alvarellos remarca: "Que unha cidade como Santiago posúa unha serie temática de 19 imaxes fotográficas naquela altura de 1858 sitúa á nosa cidade e a Galicia como un referente no nacemento e consolidación da fotografía como arte e industria. Á par de Madrid, Toledo, Barcelona ou Sevilla. E mesmo sendo de cita obrigada en estudos internacionais. Son 19 fotos, pero moitas outras tiveron que existir; é moi posible que aparezan novas en futuras investigacións... Pero de Andrés Cisneros case ninguén se lembrou ata agora. Só un reducidísimo grupo de especialistas o citaron nos anos 80 e 90 do século pasado. Entre eles debo nomear ao xa falecido José Luís Cabo Villaverde. Aos seus traballos sobre a fotografía antiga de Compostela debe moito esta exposición. Tamén ás investigacións de Xosé Enrique Acuña ou a Guillermo Escrigas". Velaí unha mostra máis do talento investigador que dirixe á Alvarellos Editora.

    Da Real Academia Galega

    Tema marcado como favorito