Hemeroteca
colaboración

Galicia e Portugal impulsarán unha rede de apoio á mobilidade laboral

O proxecto Iberomovilitas beneficiará a 300 persoas e despregará 2.500 horas de formación para dinamizar o mercado a ambos os lados da fronteira ·· Estudarán a demanda para adecuar os seus cursos

  • 17 oct 2009 / 03:20
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Galicia e Portugal crearán unha rede de cooperación transfronteiriza permanente para impulsar a mobilidade laboral a ambos lados da raia. A xunta reafirmou onte en Lisboa o seu compromiso con Ibermovilitas, o proxecto que pretende fomentar a mobilidade laboral mellorando así as capacidades dos traballadores galegos e lusos grazas non só a unha oferta formativa e práctica, senón tamén a itinerarios personalizados de asesoramento e formación. Estes rematarán nun período de prácticas no país veciño, baseado nas necesidades dos mercados laborais e en políticas activas de emprego que contribúan a paliar as barreiras existentes na actualidade ante o cambio de país para traballar.

A directora xeral de Formación e Colocación, Ana María Díaz López, foi a encargada de expoñer en Lisboa o papel desenvolvido ata o de agora pola Consellería de Traballo e Benestar. Durante a reunión que mantivo o comité técnico de xestión e coordinación do plan, Díaz explicou que o departamento dirixido por Beatriz Mato lidera un proxecto no que tamén participan as consellerías das comunidades de Andalucía, Castela e León e Estremadura, así como o Instituto de Emprego e Formação de Portugal.

Díaz destacou a importancia de darlle un pulo á mobilidade laboral transfonteiriza como ferramenta para mellorar a taxa de ocupación. "Enténdese que é un elemento clave que cobra máis relevancia nun contexto como o actual, polo que é deber dos gobernos utilizar todas as ferramentas que teñan ó seu alcance para contribuír a paliar esta situación", asegurou.

Neste sentido, os responsables do proxecto de Galicia e Portugal apostaron por ir máis alá e aproveitar a estrutura formada para este programa europeo e convertela nunha rede de colaboración permanente que traballe de xeito coordinado para impulsar o traballo e a formación transfronteiriza. Por este motivo, na reunión de onte todos os socios se compromete a afondar no traballo para presentar novos programas de aquí ó ano 2013.

Ibermovilitas procura a mellora da cualificación profesional para abrir tamén un novo mercado laboral. O plan beneficiará a preto de 300 persoas d­esempregadas e executaranse más e 2.500 horas de formación.

. galicia@elcorreogallego.es

OS PRAZOS

Listo antes de rematar 2010

Esta iniciativa comprende catro liñas de traballo: análise do mercado laboral transfronteirizo identificando as oportunidades e dificultades para a mobilidade; deseño e posta en marcha de accións concretas para paliar posibles barreiras; elaboración dun proxecto piloto orientado a facilitar a inserción laboral en ambos os dous países; e potenciar o traballo en rede. Na actualidade, o departamento da Xunta xa ten d­esenvolvidas as dúas primeiras liñas estratéxicas de acción. A responsable de Formación e Colocación asegurou o compromiso xa adquirido de executar o proxecto "en tempo e forma", é dicir, antes de que remate 2010. "Temos por diante varios meses de traballo intenso nos que a Consellería de Traballo e Benestar ofrecerá a súa total colaboración e apoio para solucionar xuntos calquera dificultade que poidamos atopar", resaltou .

OS DATOS

1) Financiado con 2,3 millóns por fondos Feder

·· O programa, que se inscribe dentro da convocatoria de Cooperación Transfronteiriza 2007-2013, financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), ten unha duración de dous anos e conta cun investimento de 2,3 millóns de euros. A Xunta pedeulle a Bruxelas que permita unha "aterraxe suave" a partir de 2014, cando Galicia xa non recibirá estes fondos.

2) Información sobre o proxecto nunha web

·· Para facilitar o coñecemento deste proxecto entre a poboación, a Xunta habilitou u­nha web con toda a información. Atópase no enderezo www.ibermovilitas.org .

Claves

Desexo de continuar con esta relación

·· A Xunta pretende impulsar novos xeitos de colaboración transfronteiriza para loitar contra o desemprego e dinamizar a actividade económica tanto de Galicia como de Portugal. Díaz rematou a xuntanza do comité técnico de Iberomovilitas apostando por manter estes lazos. "Confío en que máis alá desta iniciativa poidamos seguir traallando de forma conxunta para artellar e implementar políticas que fomenten a mobilidade e acaden, en definitiva, a mellora do mercado laboral", dixo a directora xeral.

Estudo sobre as necesidades

·· Baixo o paraugas de Ibermovilitas desenvolveranse catro estudos de detección de nacesidades laborais en ambos os dous países para identificar os sectores de actividades e postos de traballo de difícil ocupación e que poidan ser susceptibles de ser ocupados por traballadores transfronteirizos. Con base nestes resultados, elaborarase a oferta formativa nas distintas comunidades españolas e en Portugal. O obxectivo radica en que se baseen na demanda real do mercado laboral.

Formación on-line e tamén presencial

·· Con esta iniciativa, a Xunta prevé a posta en marcha dunha oferta formativa a través de doce cursos presenciais en ambos os dous países, que contarán tamén con formación en liña común. Esta formación versará sobre a creación de empresas, orientación laboral, igualdade de oportunidades, sensibilización ambiental e normas, usos, costumes e formación no idioma do país veciño. Deste xeito, tamén se apuntalará a formación de emprendedores.

 

Crearase un novo centro de referencia

·· Ó abeiro deste programa, crearase un centro de referencia para as mobilidades transfronteirizas, co obxectivo de que as administracións, institucións e axentes sociais do territorio de intervención do proxecto conten con datos e información actualizada no mercado laboral, un proxecto que está liderado polo departamento de Formación de Galicia. Eliminar as barreiras entre os mercados de ambos os dous países fomentarán tamén o tecido produtivo da Eurorrexión .

Tema marcado como favorito