Hemeroteca

Gaña o Nacional de Artesanía Elena Ferro, a zoqueira de Vila de Cruces

A viguesa Paula Ojea obtivo o de Produto // Quedaron finalistas noutras dúas categorías a Fundación Artesanía de Galicia e o obradoiro Anaquiños de papel

  • 04 dic 2019 / 21:33
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Dúas artesás galegas resultaron premiadas onte na XII edición dos Nacionais de Artesanía, cuxa cerimonia de entrega tivo lugar no Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

Elena Ferro, do obra­doiro Eferro (Vila de Cruces), recolleu o trofeo que a acredita como gañadora do Premio Nacional de Artesanía pola súa obra consolidada. Así mesmo, a ceramista e enxeñeira Paula Ojea, do obradoiro Ojea Studio (Vigo), resultou gañadora na categoría Premio Produto pola colección Cut&Fold, en recoñecemento ao mellor produto ou colección dos últimos dous anos. Ambas as dúas forman parte da marca Artesanía de Galicia.

O acto de entrega contou coa presenza da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro.

É a segunda vez que Galicia recibe o Premio Nacional, a máxima categoría das cinco nas que se dividen estes galardóns, co que foi distinguido o obradoiro de gaitas Seivane en 2006.

Catro candidaturas de Artesanía de Galicia optaron como finalistas das cinco categorías nesta edición. Ademais de Elena Ferro e Paula Ojea, nesta duodécima edición tamén foron seleccionados como finalistas noutras seccións a Fundación Artesanía de Galicia e o obradoiro Anaquiños de papel (A Coruña).

Os Premios Nacionais de Artesanía son convocados anualmente polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo co obxectivo de recoñecer as traxectorias e actuacións máis destacadas no eido da artesanía contemporánea.

Elena Ferro xa fora finalista en 2011, na categoría Premio Produto. Destaca polo seu traballo cun produto característico da tradición rural: os zocos de madeira. No taller familiar, en funcionamento desde 1915, veñen desenvolvendo o seu traballo artesán tres xeracións diferentes.

Co cambio no valor de uso do calzado de traballo, outórgalle un novo significado sen arrebatarlle a súa esencia, reinventándoo como complemento de moda con constantes innovacións en deseños, materiais e cores. A artesá dotou a este produto dun grao de innovación para adaptarse ás necesidades do mercado, novos usos e públicos.

A serie Cut&Fold de Paula Ojea caracterízase polas súas formas xeométricas imposibles, que segundo desde onde se observen se inclinan, semellando inestables. Son pezas que exploran contrastes, entre a precisión do deseño e a irregularidade artesanal.

Foron deseñadas con mentalidade e xeito de traballar propias da enxeñería e realizadas artesanalmente.

Tema marcado como favorito