Hemeroteca

Gin-tonic de berberechos e empanada de polbo con wantón

Na publicación hai tamén unha proposta de coctelería que ten como protagonista ó produto estrela dos rianxeiros

  • 28 mar 2020 / 20:51
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Unha das propostas máis sorprendentes da publicación ten máis que ver ca coctelería que ca gastronomía, pero ten como protagonista ó produto estrela do mar de Rianxo: o Gin-tonic de berberechos. Iste é o xeito de preparalo.

Ingredientes: berberechos, xenebra, tónica con auga de mar, xantano ácido, lima, granada e mazá.

Preparación:

_Premesture a xenebra co xantano (dous gramos por litro) e texturice co Turmix ou batidora. Engada a tónica pouco a pouco e mesture para dar a textura desexada, procurando non desgasificala moito.

_Nunha copa de vermú poña a cantidade necesaria de Gin-tonic e acabe con tres berberechos abertos ao vapor, unhas mazás cortadas en cubos, granada e por último reladura de lima no momento de servir.

Sen dúbida, unha boa bebida para abrir apetito antes de degustar a empanada de polbo con wantón, que se elabora deste xeito:

Ingredientes (para 4 persoas): dous quilos de polbo, doce láminas de pasta wantón, dúas cebolas, un pemento vermello, dúas culleradas de pemento doce, 0,2 litros de aceite, sal, 0,1 litros de viño branco.

Preparación:

_Limpe e coza o polbo en auga fervendo 30-40 minutos. Retire do lume e deixe arrefriar para cortalo.

_Frixa a pasta wantón en aceite e reserve.

_Seguidamente rustra a cebola e o pemento cortados en xuliana, engada o viño branco, deixe reducir e incorpore o pemento e o polbo en anacos.

_Monte unha lámina de wantón, outra capa de polbo e así sucesivamente ata obter tres alturas.

_Pode decorar o prato con aceite de pemento vermello e aceite de pemento verde ou ao gusto.

Todas as receitas están dispoñibles para a súa degustación en cadanseu restaurante rianxeiro, sempre e cando coincida coa correspondente tempada do produto pesqueiro.

Na publicación hai tamén un espazo para os recunchos do mar de Rianxo, no que se alude, por exemplo, á Manuela, un monumento que lembra a mítica lancha xeiteira que nos anos corenta, e durante cinco anos seguidos, gañou as competicións de traiñeiras da ría de Arousa, espertando a envexa dos contrincantes.

Ou á praciña e as casas do remo. A praciña foi o lugar onde se orixinou a vila e as súas casas presentan a característica de teren a estreitura dun remo, de aí o seu nome, xa que así se repartía a liña de costa para poderen os mariñeiros construír as casas preto das súas embarcacións.

Ou á Capela de San Bartolomeu, hoxe en terra firme (debido ó recheo da zona portuaria) pero que no século pasado estaba nun illote. Foi en 1854 hospital para peregrinos que tiñan enfermidades contaxiosas como a cólera. San Bartolomeu era o protector da xente do mar, por iso cando navegaban preto da capela o patrón dicíalle ós mariñeiros: "Alsa remos, fóra boinas, veña un credo".

Tema marcado como favorito