Hemeroteca
a pousada no camiño

A ineficiencia do Goberno galego

    • 03 feb 2010 / 03:22
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    Con ser moi grave a política da Xunta respecto da nosa lingua e cultura (por primeira vez rachouse cun consenso lingüístico traballado dende a época do presidente Albor), tan grave dimensión acada a falla de resposta gobernamental diante da crise económica, a aceptación acrítica por parte da Xunta dun seu papel provincial ou subsidiario no deseño das políticas de promoción económica e do emprego e máis a deconstrución e desmontaxe das políticas de I+D, territorial e de benestar social que principiou pór en desenvolvemento o Goberno bipartito.

    Guillermo de la Dehesa acaba de visitar o noso País e dixo que os gobernos autonómicos teñen agora o gran papel na loita contra a recesión, porque é a hora do enfoque microeconómico. O ilustre economista priorizaba as políticas públicas, de responsabilidade autonómica, reactivación económica, mellora da sanidade, educación profesional e universitaria, e benestar social. Nunha xuntanza con expertos e xornalistas dicía que son os gobernos autonómicos aos que lles cómpre dirixir a loita contra a crise no seu territorio.

    Vai aló un ano des que Feijóo na campaña electoral prometeu un plan de choque contra a crise en tres meses. ¿Viron vostedes tal plan por sitio ningún? O desemprego medido en termos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) medrou máis dun 30% ao longo do 2009. ¿U-la rápida solución á crise prometida por Feijóo? Aínda máis, a súa política económica e social nestes case dez meses amosou moita ideoloxía e pouca xestión e deste xeito:

    a) Liquidou a política de promoción da I+D+i que de seu definiu ao bipartito, nomeadamente nos sectores de máis potencial de desenvolvemento endóxeno.

    b) Liquidou o plan eólico, evitando o investimento de 5.000 M€ e a creación de milleiros de postos de traballo. Os ERE de VESTAS ou do GRUPO CACHAZA en Ferrol atópanse tras desta decisión.

    c) Pechou un exercicio 2009 que vai amosar os números de execución de investimentos porcentualmente máis baixos de todo o século XXI na Galicia. Keynes apréndenos que cómpre botar man da débeda e do déficit para reactivar a economía, mais a austeridade do actual Goberno galego desbota a escolla keynesiana e recomenda resignación, equilibrio orzamentario e mansedume. Cando, pola contra, os gobernos autonómicos do PP en Madrid ou Valencia apostan por una política decidida de reactivamento investidor.

    d) Desatendeu as demandas de financiamento universitarias e recortou dereitos sociais das nais e país dos alumnos nos outros niveis educativos.

    e) Reduciu as prestacións do sistema galego de benestar, sen abrir as residencias e centros de día xa rematados e proxectando nos concellos a idea de que a privatización deste servizos é inevitábel.

    Así pois, o problema non é só de deconstrución. O problema é, sinxelamente, de ineficacia. Ou, á vista da grande cantidade de recursos dos que dispón o Goberno galego, de ineficiencia.

    Tema marcado como favorito