Hemeroteca

José Luis (Cepeda): “Cando quitaron o tráfico da zona vella, perdemos moitos clientes”

  • 17 nov 2016 / 18:10
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Chocolates artesáns, turróns, figos envasados, melocotóns en xarope, polvoróns, licores… O Nadal xa chegou tamén a Cepeda. Son pouco máis das 09.30 horas e ao histórico ultramarinos da praza de Cervantes 9 non deixa de entrar xente. José Luis, o seu dono, amosa un bloque de mazapán que vai cortar en racións máis pequenas para darlle saída. Segundo conta, sérvello unha casa de Toledo desde hai medio século. Os produtos que as grandes superficies non ofrecen e a venda a granell son os seus fortes. E ademais todos os clientes teñen nome. Son os de sempre, os de toda a vida. O de ir encher a cesta da compra a este local é unha herdanza que pasa de pais a fillos. Chegan desde diversos puntos da cidade e tamén doutros concellos limítrofes buscando a diferenza. “Moemos améndoa e especias ao momento”, conta o propietario. Ademais das festas que están a volta da esquina, o que se demanda moito nestas datas é o pemento, un condimento que se emprega nas matanzas.

O de Cepeda é un dos ultramarinos máis antigos de Santiago. Abriu en 1888. O pai de José Luis fíxose co negocio no 1931 e co seu apelido deulle nome. No 1951, empezaría a botarlle unha man o seu fillo. “A nosa época dourada foi entre os 70 e os 80. Cando eran as festas, viña a mercar até aquí xente de Figueiras ou A Sionlla”, lembra con nostalxia. Eran outros tempos nos que o peso dos xigantes comerciais non os afogaba. As pequenas tendas tiñan o monopolio. “Entre a Algalia de Arriba e As Orfas había unha ducia de ultramarinos”, relata. “Era outra clase de vida. Hoxe (polo xoves) era día de feira. A Praza de Abastos estaba chea e logo moitos clientes achegábanse até aquí”, recorda. A algúns dos que levan toda a vida abastacendo a súa despensa en Cervantes aínda se lles fía. Son só dous ou tres. “Iso desapareceu. Antes tiñas ao mellor 40 na lista e ían pagando a compra cada semana”, sinala.

O negocio empezou a ir a menos cando a zona vella se fixo peonil, a principios dos 90. “Cando quitaron o tráfico perdemos moita clientela. Facemos envíos a domicilio, pero xa non é mesmo”, lamenta. Pouco despois chegaron as cadeas de supermercados e os ultramarinos convertíronse nunha especie en perigo de extinción. O trato persoal, a mercadoría e a confianza que ofrecen as tendas de toda a vida manteñen uns poucos en pé. “A xente valora a amabilidade, o asesoramento e o bo produto. Ás veces quéixanse de que se van a un establecemento grande compran aínda que non o precisen. Con nós, poden levar unicamente o que lles fai falla”, continúa. “Ademais tamén se dan conta de que non hai tanta diferenza de prezo”, apunta.

Con 73 anos, a José Luis non lle faltan ganas de traballar. “Non sei despegarme disto”, bromea. O que agora lle bota unha man detrás mostrador collerá o relevo cando toque porque, pese ás dificultades, está convencido de que hai ultramarinos para moito tempo.

Tema marcado como favorito