Hemeroteca
PANEGÍRICO

José Núñez López, o garda das letras

    • 25 abr 2020 / 22:34
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    O VENRES 21 de febreiro recibíamos a triste nova do falecemento de José Núñez López, o ‘tío de Vigo’ aos 97 anos de idade, e con el marchaba unha mente lúcida e unha memoria privilexiada. No momento non tivemos tempo de pararnos a reflexionar nin a dedicarlle unhas letras que era o que el máis apreciaba. Por isto paréceme moi acaído facerlle esta pequena e humilde homenaxe no Día do Libro, unha data ben significativa para el e agora que a pandemia nos permite parar e facer memoria das persoas importantes nas nosas vidas.
    No ano 1922 nace José nunha humilde casa da aldea de Seoane (Visantoña-Santiso). A pesar das tremendas carencias familiares e da época que lle tocou vivir, sempre amosou unha grande inquietude por aprender. Durante toda a vida agradeceulle ao seu mestre de escola todo o que lle ensinara e perpetuou nel unha fonda admiración polos docentes. Seguramente, noutras circunstancias ou noutra época, a vida levaríao a ser un gran mestre de escola, quizais un gran catedrático de Historia ou o que el máis ansiaba, un entusiasta escritor.

    Tras unha infancia moi dura, e sen poder continuar cos seus estudos, comeza a traballar de aprendiz de carpinteiro co seu pai. No ano 1943 toca ir facer o Servizo Militar (3 anos) e marcha primeiro a Madrid e logo a Córdoba, onde compaxina o servizo cun traballo nunha carpintería. De regreso, decide facer o exame para entrar na Garda Civil. Como el ben dí “utiliceino coma un medio non coma un fin, para saír das calamidades dunha aldea do interior” (Historia dunha parroquia do interior rural galego. Ed. Sotelo Blanco – 2008 )”. No ano 1946 ingresa no ‘corpo’, sendo o seu primeiro destino a localidade catalana de Manlleu e logo vai destinado como responsable ao posto fronteirizo de La Jonquera, onde deixa a súa impronta entre os seus compañeiros franceses (La seriedad del catalán y la sabiduría del gallego. Ed. Cardeñoso). Nesa época chama á súa irmá (miña nai) para sacala da “miseria” da aldea e para que, de paso, lle axude coa crianza dos seus fillos. Dalle así mesmo a oportunidade de comezar a traballar nun comercio fronteirizo, onde coñecerá ao que é meu pai.

    Trasladado a Barcelona, volve a compaxinar o traballo de Garda Civil con outros como camareiro, carpinteiro, comercial, axente inscritor do censo, ou cobrador. Finalmente no ano 1970, tras 25 anos en Cataluña, regresa a súa benquerida Galicia e pasa por distintos destinos: Caldelas de Tui, Vilagarcía de Arousa, Vigo e Pontevedra (Experiencias vividas en la España franquista. Ed. Cardeñoso). Con 56 anos xubílase na garda civil e traballa outros once anos como comercial de dúas empresas, o que lle permite percorrer toda Galicia e coñecer moita xente. É a partir de aquí cando comeza a súa “ruta cara a sabiduría” como lle gostaba dicir a el.

    Con 68 anos xubílase definitivamente, pero a súa vella máquina de escribir comeza a botar fume e a producir textos dun xeito desmesurado. Por fin pode dedicar todo o tempo ao que realmente lle gusta: escribir.
    Comeza escribindo principalmente para as seccións de Cartas ao Director, (inspirado polo seu admirado xornalista Felipe Fernández Armesto quen asinaba como Augusto Assia), de distintos xornais galegos, sobre todo para EL CORREO GALLEGO, El Faro de Vigo e La Voz de Galicia. Calquera temática atraía o seu interese, sexa de índole política, histórica ou social “calquera tema merecedor de controversia”. No ano 2009 sae do prelo Un siglo de Historia Real, contada por medio de Cartas al Director Ed. Cardeñoso, cunha recompilación de aproximadamente 300 cartas “das máis interesantes”. No ano 2014 levaba publicadas a nada desdeñable cifra de 1400. A súa presenza nestas cabeceiras que tanto admiraba supuxo sempre para el un orgullo e un recoñecemento.

    Durante estes anos combina a súa estancia entre Vigo e a casa que fai en A Bacariza, na súa Visantoña natal. No ano 1990, vendo que a Banda Popular de Música de Visantoña corre perigo de desaparecer (sendo o seu avó fundador facía máis de 100 anos) crea A Asociación Cultural Banda –Escola de Música de Visantoña, dándolle un pulo fundamental á vida do concello. No ano 2000 publica Historia da Banda de Música de Visantoña 1877-2000 cuxos 300 exemplares son distribuídos gratuitamente entre os socios da Asociación. Sete anos máis tarde, e a petición da Deputación de A Coruña, escribe 1877-2007. Banda-Escola de Música de Visantoña. 130 anos de historia initerrumpida. En 2002 delega a presidencia da Asociación deixándoa con preto de 300 socios/as, moitos nenos e nenas na Escola e un gran número de compoñentes na Banda e Coro. Sen dúbida un dos momentos culminantes da súa vida chegou no ano 2005, cando ve recoñecido todo o seu esforzo e entusiamo cunha merecida homenaxe que lle tributa a Asociación Cultural, na que é nomeado Presidente de Honra. Ademáis escoita, como peche do acto, o Himno ao vello caseto, poesía feita por el convertida en Sinfonía musical e interpretada pola súa admirada Banda de Visantoña.
    Nese tempo, xa liberado doutras ocupacións, entra nun período de creación inusual e comeza a colaborar con artigos en distintas revistas como a Revista Oficial de la Guardia Civil, o Boletín do Centro de Estudos Melidenses Terra de Melide, no xornal Cerne e publicar libros de distinta temática (ademais dos xa citados anteriormente) como: Síntesis de la persecución religiosa en España del año 1934 al 1939, El monasterio de Carboeiro. Historia y leyendas. Las minas de Wolfram en Fontao, Historias, mitos y leyendas de bandoleros, Mocear no rural galego fai un século; ate atreverse coa novela con títulos como A pobriña Dorinda ou O verdadeiro escándalo de María Dolores (estes dous títulos tendo a Lino Agra como coautor). Todos os libros publicados na Ed. Cardeñoso.

    José, o tío de Vigo, dedicou o seu case século de vida á divulgación cultural e ás letras. E por iso que é de xustiza facerlle un sentido recoñemento, especialmente no Día do Libro e facelo nas páxinas das cabeceiras de prensa onde tanto colaborou e se sentiu querido e recoñecido. A mágoa que me queda é non terllo escrito en vida, pero gustaríame que ficase como homenaxe a el e tamén como reconforto para a familia, amigos/as e coñecidos/as. Para el o mellor recoñecemento había ser que se lesen os seus libros e os seus artigos. A quen moito lle debemos, tanto polo seu exemplo como pola axuda que sempre nos ofreceu, hoxe sen dúbida estaría feliz de ler aquí estas palabras do seu sobriño mestre, o fillo de Elisa e Pedro.

    Tema marcado como favorito