Hemeroteca
{ tribuna libre }

O libro ‘Bicos’ en Londres

    • 12 jul 2014 / 19:09
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    UN GRUPO

    de rapazas e rapaces de primaria do Instituto (público) Español Vicente Cañada Blanch, sito no 317 de Portobello Road, en North Kensington, Londres, veñen de sorprenderme cun vídeo no que recitan poemas de O libro dos bicos. E a verdade é que o fan realmente ben, con naturalidade, sen grandes escenificacións, que é como eu entendo que hai que achegarse á poesía. Nótase que estes tipos de perfomances realízanas a cotío e iso, ao meu entender, é o camiño.

    Uns son galegos nacidos en Galicia. Outros, galegos nacidos en Londres. Son de distintos niveis, dende primaria ata bacharelato. Algúns son galego falantes e outros han selo.

    Entre a morea de actividades que realizaron, cóntovos unha que me gustou especialmente. Os alumnos/as de 3º da ESO saíron ao tradicional mercado dos venres en Portobello e repartiron uns trípticos co poema "Deitado fronte ao mar", cunha pequena biografía de Celso Emilio Ferreiro, en galego e en inglés, conseguindo que os versos do poeta celanovés fosen lidos por ingleses (véxase a curta na rede en Fala Londres).

    Toda unha lección de galeguidade. Todo un infindo traballo a prol da dignificación da lingua de noso. E á fronte deste proxecto denominado Fala Londres, que ten como obxectivo dignificar e promover entre os galegos londinenses o aprezo e o uso do galego, á fronte desta auténtica iniciativa de dinamización, acción e intervención lingüística e cultural, está o profesor Xaime Varela, ao que agardo coñecer algún día cando visite o instituto.

    En fin, amigas e amigos, a estrada da vida dános bicos (léase proxectos, experiencias, iniciativas…), se nós sabemos mirar, e para descubrir este Uni(Verso) temos que aprender a amar. Por iso, un desexo para este verán, dende o Fala Londres do Instituto Vicente Cañada Blanch ata o solpor, versos, bicos e amor.

    Mil parabéns e mil grazas a todos os que participades no Fala Londres, e como di o noso escritor galego máis universal, don Xosé Neira Vilas, "adiante!".

    El autor es periodista

    Tema marcado como favorito