Hemeroteca

O libro 'Leccións de Cousas' completa a exposición de Antón Reixa no CGAC

O catálogo agrupa os poemarios ‘Maldicir’, ‘Cicatriz Barullo’ e ‘Twist and Shout Esperanza’ e inclúe un DVD con 8 video-instalacións

  • 30 sep 2011 / 13:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña, participou esta tarde na presentación do catálogo Leccións de Cousas de Antón Reixa; unha publicación realizada ao abeiro da mostra do mesmo nome que se pode visitar no Centro Galego de Arte Contemporáneo ata o vindeiro 16 de outubro. Ao acto tamén asistiron o director do CGAC, Miguel Von Hafe; o representante da editorial La Oficina de Artes y Ediciones, Arturo Leyte, e o propio Antón Reixa, que rematou a presentación cunha lectura poética.

Na súa intervención, Roberto Varela destacou que o libro Leccións de Cousas "recolle á perfección o espírito do proxecto expositivo" de Antón Reixa no CGAC, ao cal engade tres poemarios inéditos. Segundo explicou o conselleiro, a publicación presentada hoxe "vén confirmar o xa dito na inauguración da mostra: que Reixa é, ante todo, un poeta; un artista que explota todos os medios de expresión ao seu alcance para dar saída á súa voz lírica".

O conselleiro subliñou, ademais, que "a palabra é o elemento básico da obra artística de Reixa". No caso de Leccións de Cousas, asegurou que a palabra "é flexible nesta obra; invita ao xogo, á polisemia e á metáfora". Roberto Varela destacou que "esas palabras, colocadas con aparente desorde e certo barullo –un concepto este último moi presente no libro- toman sentido ao relacionarse entre si". Deste xeito, a palabra condúcenos ata a idea, seguindo a ruta que propoñía o método pedagóxico do século XIX que dá nome ao proxecto.

Nesta mesma liña, o titular de Cultura e Turismo continuou a súa intervención asegurando que en Leccións de Cousas "a arte non é un fin en si mesmo, senón un medio para comunicar unha idea" coa fin de liberar a expresión e a creatividade e, segundo dixo, "para cuestionar todo o que temos diante de nós, especialmente aquilo que damos por sentado". Neste proceso, segundo explicou Roberto Varela, "entrecrúzanse as referencias de posmodernidade coa cultura popular de Galicia". Ademais, destacou que en Leccións de Cousas apreciase "a preocupación de autor de conxugar local e global, de combinar tradición e vangarda, de proxectar a imaxe de Galicia ao mundo.

Por último, o conselleiro subliñou que neste novo traballo Antón Reixa "incide na súa capacidade de non deixar indiferente a ninguén, na súa permanente procura de novos horizontes e no seu compromiso en prol da cultura galega".

A publicación. Leccións de Cousas agrupa, en edición bilingüe galego-castelán, os poemarios Maldicir, Cicatriz Barullo e Twist and Shout Esperanza e completase con oito video-instalacións incluídas nun DVD e realizadas por Reixa para a exposición inaugurada no mes de xuño no CGAC.

Nesta obra audiovisual e poética, mestúranse palabra, imaxe e performance e nela Antón Reixa desenvolve distintos xeitos de narrativa visual e verbal. Deste xeito, nas súas pezas audiovisuais sérvese do principio no que se fundamentaban os métodos de lectura gráfica dos antigos manuais de Leccións de Cousas, "da cousa á palabra e da palabra á idea", e, ao mesmo tempo, crea unha poesía que se introduce no territorio lingüístico e sociolóxico de Sitio Distinto.

A exposición
. A mostra Leccións de cousas está composta por un conxunto de oito vídeoinstalacións inéditas, nas que a imaxe, a palabra e a performance se entrecruzan para afirmar un territorio neodadaísta onde a irrisorio, o comentario político e social e unha especie de melancolía existencial mestúranse produtivamente. Ademais da exposición das súas novas creacións, tamén se amosa no auditorio do CGAC unha selección das súas intervencións máis relevantes dos últimos trinta anos no universo audiovisual.

En 1855 publícase en Londres o primeiro manual de Leccións de cousas da autoría de Edward Austin Sheldom que preconizaba un sistema de educación intuitiva. A partir do principio da intuición créase La escuela nueva, que vai promover estes métodos de lectura extensiva. Este sistema de educación intuitiva réxese polo principio "da cousa á palabra, da palabra á idea". Algo así como "aprender a aprender", onde o papel do mestre se limita a a dirixir a investigación e a propoñer cuestións. Trátase de motivar e estimular a curiosidade do alumno. Esta vén ser a idea-forza do proxecto de videoinstalación. Trátase de propoñerlle ao espectador imaxes audiovisuais e obxectos en volume que induzan unha percepción intuitiva de fragmentos de realidade. A percepción resulta distorsionada pola hiperbolización e a enfatización de aspectos tanxenciais das formas da realidade. Como nos manuais de Leccións de cousas, a carón de cada set propóñense unhas pautas de conversa.


Tema marcado como favorito