Hemeroteca

Luar na Lubre recupera a lenda do monstro Vákner

Incluiron un single no seu novo disco inspirado na peregrinación do bispo armenio Mártiros de Arzendjan no século XV // O tema xa se pode escoitar dende o pasado venres nas plataformas iTunes, Spotify, Amazon, Deezer e Tidal

  • 28 mar 2020 / 20:51
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Alá polo século XV o bispo armenio Mártiros de Arzendjan peregrinou a Compostela e, dende alí, ata o finisterrae. Durante o seu percorrido, logo de recibir a beizón do apóstolo Santiago, o armenio atisbou nos montes de Dumbría unha besta grande e maligna á que chamou o Vákner. Unha lenda que agora vén de dar o salto á música da man do grupo Luar na Lubre que, o pasado venres, día 27, deu a coñecer os dous primeiros cortes do seu novo disco, titulado Vieiras e vieiros. Historias de peregrinos, no que se inclúe o single Mártiros e o Vákner.

Un tema que xa se pode escoitar nas plataformas iTunes, Spotify, Amazon, Deezer e Tidal, e no que narran o encontro entre Mártiros e a besta misteriosa, e como o peregrino puido escapar dela. Con este novo tema, a sonoridade de Luar na Lubre non só evoca ás lendas e sons do ancestral camiño das estrelas na Costa da Morte, senón que regresa á beira atlántica logo da publicación, no ano 2018, de Ribeira Sacra.

Ademais do single adicado ao Vákner, o grupo fundado por Bieito Romero deu a coñecer tamén o tema de apertura do disco, titulado Benvido, para o que contaron coa colaboración do cantante Miguel Ríos, que pon voz a unha canción que pretende dar a benvida a todas as persoas que percorren o itinerario Xacobeo, a través dos seus diversos vieiros, no momento de chegar a Galicia. "Benvido é un canto de acollida, unha carta de presentación do que é esta terra, do que é Galicia", sinala Romero.

Dende o medievo ata a actualidade, asegura, milleiros de persoas percorreron un camiño de peregrinación impulsados por motivacións relixiosas, culturais e artísticas, inquedanzas viaxeiras ou mesmo de negocio. "A procura da tumba do Apóstolo e a meta de Compostela, ou a experiencia persoal da realización deste itinerario por mar ou terra, seguindo a antiga vía das estrelas, teñen en común a chegada a unha terra única, dotada dun patrimonio material e inmaterial rico e diverso, aberta a recibir e acoller a influencia de quen veña", engade.

Benvido, que tamén conta coa colaboración de Nani García nos teclados, é a carta de presentación dun disco no que Luar na Lubre "leva moitos anos traballando e no que o relato se tece singularmente, de xeito natural, a través das historias humanas que percorren a ruta xacobea ao longo de diferentes épocas e contextos", afirma Bieito Romero. Un traballo co que queren pór en valor as historias que recompilaron a través de diferentes vías pero que "todas elas, conforman o imaxinario popular do Camiño", engade.


TRINTA PAÍSES. Luar na Lubre naceu en 1986 co obxectivo de desenvolver, impulsar e dar a coñecer a música e a cultura galegas. Após de tres décadas dunha froitífera traxectoria, con 18 discos publicados e máis de 1.500 concertos en 30 países, o grupo é unha referencia internacional da música de raíz. A constancia e a fidelidade ao universo folk definen, desde os seus inicios, o seu traballo. Hoxe en día, cunha identidade propia recoñecible e consolidada, a súa música forma parte non só do imaxinario, senón do patrimonio colectivo.

Tema marcado como favorito