Hemeroteca

Máis de 1.500 nenos galegos falarán con Papá Noel este Nadal

As videoconferencias celebraranse entre hoxe e o día 20 grazas á rede CeMIT

  • 09 dic 2019 / 21:08
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Un total de 1.544 alumnos de Educación Infantil de 32 concellos de Galicia poderán realizar as súas peticións de Nadal a Papá Noel, entre os día 10 e 20 de decembro, grazas á rede de videoconferencia das aulas CeMIT.

Así, os escolares de Educación Infantil de Marín, Celanova, Bande, Campo Lameiro e Xunqueira de Ambía serán os primeiros que reciban esta visita nas aulas CeMIT destes concellos. Este intercambio de mensaxes comezará hoxe a partir das 10 da mañá, c­unha duración de media hora en cada localidade.

Por toda Galicia. Nos seguintes días, ata o 20 de decembro inclusive, conectarán con Laponia as aulas CeMIT de Abegondo, Arzúa, Bande, Barreiros, Beariz, Betanzos, Boiro, A Cañiza, Carballedo, Castrelo do Miño, Castro Caldelas, Catoira, Celanova, Cerceda, Fisterra, A Fonsagrada Leiro, Marín, Muros, Narón, Negreira, Ortigueira, Pontedeume, Quiroga, Ribeira, Riotorto, Santa Comba, Valga, O Vicedo, Vilagarcía, Vimianzo e Xunqueira de Ambía, ata completar así as 32 localidades que recibirán a visita virtual do noso Papá Noel e un total 1.544 nenos e nenas en 50 sesións

Ademais dos alumnos de Educación Infantil, tamén terán a posibilidade de solicitar en directo os seus agasallos a Papá Noel o alumnado maior de idade do Centro Pai Menni de persoas con discapacidade de Betanzos, o alumnado con necesidades educativas especiais de Vilagarcía de Arousa e as persoas da Fundación para a Pro­tección de Discapacitados Psíquicos da comarca de Barcala en Negreira.

O obxectivo desta actividade, que neste ano cumpre o seu duodécimo aniversario e que conta cun gran interese e aceptación entre a comunidade educativa, será facilitar a comunicación entre Papá Noel e os nenos e nenas destas localidades, que poderán falar e interactuar con el poucos días antes da Noiteboa, cando se atendan as peticións de agasallos de todos os nenos e nenas do mundo.

Con este tipo de experiencias, a rede CeMIT da Xunta busca converter estas aulas multimedia en puntos de encontro dos municipios e dar a coñecer todas as posibilidades que ofrece este tipo de espazos de comunicación e a tecnoloxía da que dispoñen.

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital ou fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos.

Tema marcado como favorito