Hemeroteca

María Bouzas Senín, a valguesa máis lonxeva, recibe as felicitacións do alcalde no seu 103 aniversario

As concelleiras Carmen Gómez e Begoña Piñeiro tamén a visitaron para agasallala cun ramo de flores e unha torta // Cunha filla, dous netos e tres bisnetos, gústalle cantar, é devota do Divino Salvador e non perdoa un vaso de viño coas comidas

  • 09 jul 2019 / 09:52
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

María Bouzas Senín, veciña de Cerneira, na parroquia de Setecoros, está hoxe de aniversario. Cumpre 103 anos, motivo polo que recibiu este mediodía a visita do alcalde, José María Bello Maneiro, e das concelleiras Begoña Piñeiro e Carmen Gómez, que lle trasladaron as felicitacións en nome de todo o goberno municipal e tamén dos veciños de Valga.

María Bouzas é a valguesa máis lonxeva. Cunha filla, dous netos e tres bisnetos, mantense chea de enerxía tras máis dun século de vida. Gústalle cantar coplas, tomar o sol e dar pequenos paseos polos arredores da vivenda na que reside coa súa filla e o seu xenro, e ás comidas non perdoa un vaso de viño tinto da casa nin o pan de manteca.

É todo un exemplo de vitalidade, tal é así que no mes de maio non quixo faltar ao Encontro cos Nosos Maiores que anualmente celebra o Concello como homenaxe á poboación máis veterana do municipio, nin tampouco deixou de ir votar nas dúas convocatorias electorais desta primavera. Hoxe mesmo relatáballe ao alcalde a impresión que lles causou aos membros da mesa electoral saber que ía cumprir 103 anos.

Onte domingo celebrou por adiantado o seu aniversario acompañada por toda a súa familia e hoxe volveu a soprar as velas xunto aos representantes do goberno local. O alcalde e as concelleiras agasallárona cun ramo de rosas, unha torta e doces.

Tema marcado como favorito