Hemeroteca
{ Bágoas de crocodilo }

Os modernos abritristas

    • 20 abr 2012 / 19:46
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    Na obra mestra da prosa quevediana, o buscón Pablos atopa un orate que dispón da xusta recomendación para que o rei gañe a Ostende nunha das innúmeras guerras do vello imperio en Flandres: vendo que o inconveniente estaba na faixa de mar que protexía os inimigos de España, aquel chalao daba «orden de chuparle todo con esponjas». Era o modo en que don Francisco, que penetrara moi agudamente o espírito de juan pueblo, ridiculizaba a figura dos «arbitristas», unha caste moi habitual no tempo dos Austrias, que ofrecían solucións, as máis das veces disparatadas, aos problemas da monarquía. Catrocentos anos despois, os arbitristas clásicos seguen campando polos seus respectos sobre a sufrida pel de toro, mudadas, claro, as galas consonte os tempos. Os arbitristas de hoxe andan nos xornais, nas redes sociais, en tvs, en foros, en tertulias, en debates, no café da mañán, no café do mediodía e no café da tarde. Neste país, onde se combina nun cóctel letal un insoportable ruído mediático cun diletantismo antropolóxico, funcionarios, profesores, exalcaldes, mestres, arquitectos, médicos, sindicalistas ociosos, estudantes e recepcionistas de hotel teñen unha fundada opinión sobre calquera cousa e sobre calquera cousa debaten coa autoridade que lles confire, nun bucle kafkiano, o propio convencemento de que teñen autoridade para facelo. Habitamos un patio de monipodio en permanente estado eruptivo onde todo se cuestiona e todo se debate, o que, lonxe de contribuír a unha sociedade civil serena e reflexiva, conduce a un delirio permanente e extenuante liderado polos medios de comunicación, que alimentan unha sociedade ávida de titulares: antronte foi Conde Roa, onte os elefantes rexios, hoxe toca o copagamento dos pensionistas e mañán ou pasado mañán voltará a matraca de Urdangarín ou a última deposición (verbal) do pirata de Dorribo. Os nosos problemas e angueiras cotiás trúfanse con declaracións, contradeclaracións, din que dixen e digo que non dixen, e os membros dos executivos teñen menos tempo para traballar que para desmentir, contradeclarar, explicar ou xustificar algo nalgunha palestra pública. En certa ocasión, botei máis de vinte minutos negociando co meu fillo para que fixera algo tan elemental como poñer un xersei porque facía frío. Nun momento dado, lembrei algo da miña propia educación como neno: a autoridade que os meus pais exercían sobre min alicerzaba nun convenio tácito en virtude do cal eu confiaba en que eles sabían o que había que facer e non nun exercicio van de autoritarismo, que, por certo, nunca exerceron. Entón, finalicei a negociación cunha fórmula da vella escola: «pos o xersei porque o digo eu que son o teu pai». Iso que moi pouca xente xa recorda e se chamaba sentido común.

    Editor e escritor

    Tema marcado como favorito