Hemeroteca
{ galería de palabras }

Muiñeirode brétemas

    • 07 jul 2015 / 20:55
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    MANUEL ten a homenaxe que sempre mereceu. O idioma é a patria, a nosa patria, escribiu Manuel María. 2016 será o seu ano. Memoria inesquecida pra sempre nembargantes. O Día das Letras, das nosas letras, o poeta da terra Chá, poeta de poetas. Versos que abrollaron da súa ialma nobre e da terra. Sempre afincado cun pé á terra. A nosa. Doce anos despois do seu pasamento, a Academia honra a un home comprometido coa súa terra, co seu país, co seu idioma. O epígono derradeiro das Irmandades coma veu a recoñecer o seu presidente Alonso Montero. Paixón e vocación. Honestidade e rigor. Un vento ceibo nun sono perennemente engaiolado. Único, sinxelo, humilde, afectuoso, voz grave, mirada ao chan, andar rápido, paseos da medianoite coa súa inseparabel Saleta na praza da Compañía co fondo máxico dos Escolapios ou Colexio da Nosa Señora da Antiga, son aínda unha imaxe imborrabel en Monforte, onde pasou máis de trinta anos da súa vida e fundou aquela editorial viva e dinámica, Xistral, que tanto espazo e oportunidade deu a noveis escritores e xeracións de poetas. Morreu a cada intre pola súa Galicia.

    A voz de pobo crebou un día pero vive nos seus versos, nos seus recitais, nos seus textos, na súa narrativa infantil, no teatro e en milleiros de colaboracións e artigos nos xornais. Compromiso social e político, nacionalismo activo e militante tanto na ditadura coma na democracia, foi concelleiro en Monforte, existencialismo, amor, liberdade, o mundo rural e urbano, xalonan toda unha obra literaria extensísima e que abrangueu tódalas temáticas.

    Agudo, brilante, amábel, afable, sarcástico, irónico, humor fino, talento, amizade, compromiso, exemplo e pulo cultural de todo aquilo co que se relacionaba e que a el se achegaba. Diñificou a nosa lingua, preservouna. Loitou por ela. Como poeta e coma escritor, coma procurador, coma cidadán, día tras día ao longo da sú vida. O idioma é a chove coa que abrimos o mundo: o salouco máis feble, o pesar máis profundo. O idioma é a vida, o coitelo da dor, o murmurio do vento, a palabra de amor. O idioma é o tempo, é a voz dos avós e ese breve ronsel que deixaremos nós o idioma é a patria…

    Poeta e home, compromiso e voz. Manuel María agasállanos de novo cun novo libro de poemas: as letras galegas, o noso idioma, ao que el engrandeceu e que loitou pola súa defensa e vida. E esa Galicia hónrao agora como merece. Escolas e colexios, academias e institucións vivirán e aproximaranse á vida e a obra dun autor que un día atopou e afondou polas brétemas do muiñeiro para non voltar.

    Profesor universitario

    Tema marcado como favorito