Hemeroteca

Nace a Asociación Federalista de Galicia como espazo de análise

Estará presidida polo catedrático de Ciencia Política da USC, Ramón Máiz

  • 14 feb 2020 / 21:44
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Santiago. Galicia conta coa súa propia Asociación Federalista, logo da súa constitución formal, o pasado 27 de xaneiro en Santiago. Cos obxectivos de impulsar a cultura e a conciencia federal, propiciar a reforma da Constitución neste senso e contribuír á construción dunha Europa federal democrática, xusta e solidaria, a Asociación Federalista de Galicia (AFG) ten marcado xa no calendario o seu primeiro acto oficial. Será o 4 de marzo.

A AFG está presidida polo catedrático de Ciencia Política da Universidade de Santiago (USC) Ramón Máiz Suárez, cunha xunta directiva composta por Francisco Caamaño, exministro de Xustiza e catedrático de Dereito Constitucional na Universidade da Coruña (UDC), como vicepresidente; Francisco Candela, exconcelleiro compostelán de Turismo e economista, como secretario; Cristina Ares, profesora de Ciencias Políticas da USC, como tesoureira, e Xosé Ramón Pousa, decano da facultade de Ciencias da Comunicación da USC, como vogal.

A entidade nace coa intención de organizar todo tipo de conferencias, debates, encontros e reunións que contribuían a un "mellor coñecemento do federalismo e a impulsar a reforma federal da Constitución", tal e como informan os seus responsables nun comunicado de prensa.Pretende, igualmente, "elaborar e editar documentos, publicacións e artigos" relacionados co federalismo, establecendo contactos e alianzas con outros grupos do Estado e de Europa.

No seu manifesto de creación, a AFG indica que ten a vontade de servir, desde a sociedade civil galega, de espazo aberto e plural para a análise, o debate e a divulgación do ideario federal en Galicia, en España e en Europa, polo que aproveitan para facer "un chamamento á incorporación activa de todas e todos os que, residan onde residan, desde a máis diversas perspectivas profesionais, políticas e culturais estean interesados, dun xeito ou doutro, en compartir as arelas da causa federal".

O federalismo postula, como un dos seus eixos irrenunciables, a "igualdade e a solidariedade interterritoriais, o apoio mutuo baseado na suficiencia finaceira e na corresponsabilidade fiscal das comunidades federadas, a transparencia e a proporcionalidade distributiva", indican, acubillando, tamén, "a defensa convencida do pluralismo cultural e lingúístico".

Tema marcado como favorito