Hemeroteca
a estrada

Neira Vilas, gañador do ‘Reimóndez Portela’ por artigos en EL CORREO

O xurado do certame elixiu a súa serie baixo o epígrafe 'Lóstregos' ·· Valorouse a sinxeleza narrativa e o enfoque positivo dos temas ·· O galardón, único polas súas características en Galicia, entrégase o 18 de setembro

  • 24 jul 2009 / 21:18
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

De novo, un dos colaboradores deste diario volve facerse co premio Manuel Reimóndez Portela de xornalismo, convocado dende hai xa catorce anos pola Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada. Xosé Neira Vilas, un dos máximos expoñentes da literatura en Galicia, fíxose co galardón pola serie de artigos publicados en EL CORREO GALLEGO, baixo o epígrafe de "Lóstregos". O autor da célebre Memorias dun Neno Labrego, vén colaborando coa súa escrita dende hai tempo con este xornal. O xurado,-presidido por Mercedes Cuíña e composto polo concelleiro estradense de Cultura Manuel Sanmartín, Enrique Otero, Evaristo Mato, Xoán Andrés Fernández e Xosé Manuel Bouzas como secretario-, valorou a temática variada "a sinxeleza narrativa e o enfoque positivo" de cada un dos artigos escritos pola sabia pluma do escritor de Gres. A entrega do galardón terá lugar o vindeiro día 18 de setembro, ás 19.00 horas, no marco da celebración da XXIII Feira do Moble de Galicia. O certame xornalístico, que naceu tamén coma homenaxe ao que fora primeiro presidente da entidade e que da nome á convocatoria, ten como obxectivo potenciar e fomentar a lectura en galego, e polas súas características é unico no panorama do país. Neira Vilas ten asistido a diversos actos da fundación estradense, e no ano 2000 foi matendor na entrega do galardón que daquelas recaía no equipo da Revista das Letras, suplemento de Galicia Hoxe. Deste xeito, o escritor de Vila de Cruces, segue sumando vínculos en terra estradense dende a que lle chega un novo recoñecemento. No ano 2007 foi pregoeiro da festa do salmón e ten participado en diversos actos culturais no municipio, na outra beira do río Ulla. Este novo premio leva ademais o nome dun vello amigo seu , o polifacético Manuel Reimóndez, médico e escritor de Castro, ao que definía nun dos seus artigos en EL CORREO como "un home bo, dunha gran calidade humana, íntegra, ledo, conversador", ademais de reseñar a importancia do seu legado en obras como Médico na aldea ou A Estrada Rural. Ademais da súa obra escrita, labor de Xosé Neira Vilas dende a fundación que leva o seu nome tamén segue a ser un referente no ámbito da cultura coa convocatoria de diversos premios no eido da literatura infantil.

O seu nome súmase pois ó doutros autores que conseguiron nos últimos anos o premio xornalístico por artigos publicados nas páxinas de xornais do Grupo Correo Gallego, como Ruth Fernández, Xerardo Neira ou Vicente Araguas.

. delegestrada@elcorreogallego.es

Tema marcado como favorito