Hemeroteca

Noia mellora a seguridade e a inclusión nos parques

Iniciaron as obras para a instalación dunha soleira no recinto infantil de San Lázaro // Tamén incluíron xogos adaptados

  • 24 may 2019 / 21:22
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O Concello de Noia vén de iniciar os traballos para a colocación dunha nova soleira no parque infantil de San Lázaro, emprazado a carón das instalacións deportivas. Unhas obras que contan cun orzamento de 30.335 euros, que tamén inclúe a mellora da área infantil de Orro.

A concelleira de Parques e Xardíns, Mariola López Cierto, explicou que no espazo público de San Lázaro "instalaremos unha nova soleira para amortecer os golpes nas caídas e colocaremos un pavimento de caucho nas bases e nos perímetros dos xogos como fixemos nas distintas zonas de ocio do municipio". Estes traballos están financiados con cargo ao remanente de tesourería e foron aprobados inicialmente no pleno do pasado mes de marzo e definitivamente no de abril, tras desestimar unha alegación presentada.

Polo que respecta ao recinto de Orro, "o que se fixo foi desmontar todos os columpios, arranxando os mesmos, para proceder á instalación da soleira de formigón e por riba o caucho antiimpacto. Tamén se mellorou o valado perimetral", comentou.

Con ambas intervencións o executivo local pon fin "as demandas veciñais" que solicitaban eliminar "a maleza que medraba no terreo, no caso de Orro, no que había que realizar traballos de desbroce continuamente para mellorar as condicións do parque". Nembargantes, o problema no de San Lázaro "eran as fochancas que se formaban, sendo un bulleiral nos días de choiva", argumentou. Ademais, os novos materiais empregados supoñen unha "mellora da seguridade dos cativos", dixo López, xa que ao ser a base acolchada reducirá os golpes ante as posibles caídas do nenos.

A estas actuacións súmanse as que se acometeron recentemente na área recreativa da Barquiña, "onde tamén se botou este mesmo caucho e ademais añadíronse tres biosaudables na zona deste parque". Tamén "se puxo unha varanda na baixada das escaleiras e remodelouse cun pavimento un dos camiños de acceso ao recinto", sinalou a concelleira noiesa.

Polo que respecta ao espazo da Alameda, esta mesma semana leváronse a cabo uns traballos para asentar o chan que rodea os diferentes xogos.

López avanzou que o Concello de Noia prevé tamén construír un parque de tirolinas na vila. "É un proxecto novidoso que inclúe cinco elementos", salientou.

NOVOS XOGOS

Columpios inclusivos

A localidade de Noia conta dende hai unhas semanas cos primeiros elementos inclusivos, que foron instalados nos parques infantís da Alameda e San Lázaro e deseñados para o xogo en común dos nenos do municipio. Concretamente, son 2 asentos para columpios que contan cun arnés de protección e un peche de seguridade deseñado baixo a normativa europea.

Tema marcado como favorito